Deputación de Lugo

A cuarta edición do mercado Petiscos de Nadal de Taboada reuniu a 14 produtores locais grazas ao apoio da Deputación

JOSÉ TOME
Taboada
Sinatura convenio Taboada
- O Presidente e o Alcalde deste municipio asinaron no Pazo de San Marcos o acordo de colaboración mediante o cal a institución provincial destinou algo máis de 6.000€ para o desenvolvemento desta cita que se celebrou o 21 de decembro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co Alcalde de Taboada, Roi Rigueira Agromartín, a través do que a institución provincial destinou algo máis de 6.000€ para colaborar coa cuarta edición do mercado Petiscos de Nadal. Esta cita, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (Acimta), tivo lugar na Praza de Riazón deste municipio o pasado 21 de decembro e reuniu a 14 produtores locais. 

José Tomé destacou que a Deputación de Lugo colabora ano tras ano con este mercado porque “non só se trata dunha cita que conta cunha gran acollida entre a veciñanza, senón que tamén é un evento que impulsa e pon en valor a gastronomía e a artesanía da nosa terra expoñendo artigos de máxima calidade”. 

Ademais dos postos de venda, onde os visitantes puideron adquirir produtos de proximidade e de artesanía, a programación incluíu a actuación musical do grupo tradicional Rechouchíos, un obradoiro para elaborar decoración de Nadal, un espectáculo infantil e familiar a cargo do mago Óscar Fernández, e a actuación do grupo Ailá.