Deputación de Lugo
Parque móbil

O Presidente e o Alcalde de Pedrafita supervisan o novo camión de lixo financiado con 234.000€ pola Deputación

JOSE TOMÉ
convenio
PEDRAFITA DO CEBREIRO
José Tomé Roca, xunto co Alcalde José Luis Raposo, recibiu no municipio esta nova dotación que permitirá ao Concello incorporar un novo vehículo de recollida de lixo ao seu parque móbil, “mellorando a capacidade, a eficiencia e a sostibilidade do servizo”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado polo Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, supervisou a entrega dun novo camión de lixo ao Concello, adquirido grazas a un convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello, que ascende a 236.000€. A Deputación aportou practicamente a totalidade da contía con 234.000€, mentres que o Concello achegou os 2.000 euros restantes.

O Presidente da Deputación destacou que esta nova dotación permitirá renovar o parque móbil municipal, substituíndo un camión de lixo de máis de 20 anos. “O novo vehículo suporá unha mellora do servizo, grazas á súa maior capacidade e eficiencia, ao tempo que reduce o impacto ambiental cun nivel moito máis baixo de emisións contaminantes”, afirmou. 

Subliñou ademais o compromiso da institución provincial coa cooperación e mellora dos servizos públicos nos 67 concellos da provincia xa que este tipo de colaboracións, “fan que contribuamos á modernización das entidades locais, garantindo recursos que repercuten directamente na calidade de vida das e dos veciños”. 

Pola súa banda, o Alcalde sinalou que Pedrafita do Cebreiro “é un dos puntos insignias do Camiño de Santiago e acolle a milleiros de peregrinos e peregrinas a diario, sobre todo nos meses estivais, un feito que fai que os volumes de lixo que se producen sexan moi superiores aos que a propia poboación do concello xera por si soa”. Por iso, “este camión responderá ás necesidades que o municipio ten nesta materia”, concluíu José Luis Raposo.