O Presidente e o Alcalde de Pedrafita supervisan o novo camión de lixo financiado con 234.000€ pola Deputación
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado polo Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, supervisou a entrega dun novo camión de lixo ao Concello, adquirido grazas a un convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello, que ascende a 236.000€. A Deputación aportou practicamente a totalidade da contía con 234.000€, mentres que o Concello achegou os 2.000 euros restantes.
O Presidente da Deputación destacou que esta nova dotación permitirá renovar o parque móbil municipal, substituíndo un camión de lixo de máis de 20 anos. “O novo vehículo suporá unha mellora do servizo, grazas á súa maior capacidade e eficiencia, ao tempo que reduce o impacto ambiental cun nivel moito máis baixo de emisións contaminantes”, afirmou.
Subliñou ademais o compromiso da institución provincial coa cooperación e mellora dos servizos públicos nos 67 concellos da provincia xa que este tipo de colaboracións, “fan que contribuamos á modernización das entidades locais, garantindo recursos que repercuten directamente na calidade de vida das e dos veciños”.
Pola súa banda, o Alcalde sinalou que Pedrafita do Cebreiro “é un dos puntos insignias do Camiño de Santiago e acolle a milleiros de peregrinos e peregrinas a diario, sobre todo nos meses estivais, un feito que fai que os volumes de lixo que se producen sexan moi superiores aos que a propia poboación do concello xera por si soa”. Por iso, “este camión responderá ás necesidades que o municipio ten nesta materia”, concluíu José Luis Raposo.