A Deputación e o Concello de Cervantes invisten preto de 200.000€ en mellorar a mobilidade municipal
José Tomé Roca supervisou tamén unha máquina para esparexer sal que o Goberno local puido adquirir tamén grazas a unha achega da institución provincial e que este inverno axudará a manter as estradas municipais en mellores condicións
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, veñen de asinar un convenio de colaboración entre a institución provincial e a local para mellorar a mobilidade municipal. O acordo, que se formalizou no Edificio Multiusos de San Román, servirá para acondicionar camiños, accesos e noiros de vías locais en cinco parroquias do concello cervantego con preto de 200.000€.
Concretamente, a Deputación achega 111.000€ e o Concello 88.733,85€ para sumar un investimento conxunto que servirá para actuar nas aldeas de Piornedo e Riamonte de Arriba e tamén nas parroquias de Vilarello, Santalla, Villasante e Villaspasantes. Ademais, grazas a este investimento, a institución provincial financiará a compra de catro quentadores para o polideportivo no que se realizan eventos importantes para o municipio, como as feiras de artesanía, a degustación da tenreira ou a festa das persoas maiores.
“Mellorar a mobilidade é esencial para o reequilibrio territorial, dicímolo sempre, pero nos concellos do rural é aínda máis fundamental. Grazas a esta achega permitimos que Cervantes poida afrontar melloras básicas nas súas comunicacións en núcleos, parroquias e accesos, o que permitirá mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas destes lugares”, sinalou o Presidente.
No que ten que ver coas comunicacións, este convenio permitirá mellorar con formigón os accesos a Piornedo, Riamonte de Arriba e Vilarello da Igrexa e repoñer os muros de escolleira que se desprenderon nos accesos a Santalla, Villasante e Villaspasante.
Na súa visita a Cervantes, Tomé Roca supervisou tamén unha máquina para esparexer sal que o Goberno local puido adquirir tamén grazas a unha achega da institución provincial e que este inverno axudará a manter as estradas municipais en mellores condicións.