A Deputación reafirma o seu compromiso co sector da automoción no encontro de profesionais de APREVAR
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores no encontro profesional organizado pola Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles (APREVAR) e a Asociación de Vendedores de Vehículos a Motor, Reparación e Recambios (GANVAM). A cita reúne esta mañá a expertos de toda España para analizar o mercado de vehículos novos e de ocasión, as tendencias e o futuro da posventa.
“Falamos dun sector fundamental para a economía de Lugo”, sinalou Rivera Capón, que puxo en valor o traballo da directiva de APREVAR e reafirmou o compromiso da Deputación co sector. “Sabemos que contar cunha automoción forte e competitiva significa máis riqueza, máis emprego e máis desenvolvemento para a provincia. Por iso, seguiremos traballando da vosa man, apoiando iniciativas que impulsen a modernización do sector, mellorando a formación e favorecendo o acceso a recursos que axuden ás empresas a este novo escenario”, explicou.
A Deputación de Lugo achegou recentemente a APREVAR 40.000€ para a compra das instalacións da entidade, de máis de 2.500 metros cadrados, situadas na Campiña, onde dispón de aulas, talleres diferenciados por ramas de actividade, salón de actos e, entre outros recursos, unha biblioteca. Trátase dunha entidade que agrupa a 522 empresas e aglutina ao redor de 2.000 traballadores.