Deputación de Lugo

A Deputación destina máis de 1,3M€ á mellora de 10 vías provinciais nas comarcas de Lugo, Terra Chá e A Ulloa

Xunta de Goberno
Pilar García Porto
Xunta de Goberno
- A Xunta de Goberno acordou licitar catro contratos para realizar obras de mellora en estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Portomarín, Guntín, Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Cospeito e Vilalba

- Aprobado o contrato de licitación do servizo de control de calidade das obras da institución provincial e o contrato de subministro de pneumáticos para os vehículos do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro

- Adxudicado por case 23.000€ o contrato de renovación das licenzas de software antivirus para os equipos de postos de traballo da institución provincial

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación de catro contratos por algo máis de 1,3M€ para realizar obras de acondicionamento e mellora en 10 vías provinciais das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Ulloa, en concreto ao seu paso polos concellos de Portomarín, Guntín, Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Cospeito e Vilalba. Así o informou este venres a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras celebrar a reunión da Xunta de Goberno. 

Por unha banda, a institución provincial mellorará con máis de 340.000€ dous tramos da LU-P-4902, entre Portomarín e Guntín, a vía que conecta o Alto do Valiño con Valdeporrás por Vilaxuste. Os traballos afectarán ao primeiro quilómetro da estrada e ao treito comprendido entre o punto quilométrico 4,100 e 11,315 e consistirán na reapertura das cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal. 

García Porto fixo referencia a importancia desta actuación, que conta cun prazo de execución de 3 meses unha vez iniciadas as obras, “porque se trata dunha das estradas máis empregadas no concello de Portomarín, pois atravesa o municipio dun extremo ao outro. Ademais, este proxecto completará os traballos que xa realizamos recentemente entre os quilómetros 1 e 4”.

Por outra banda, tamén se aprobou na sesión desta mañá a licitación por preto de 370.000€ das obras para mellorar 5 estradas ao seu paso polos concellos de Begonte, Friol, Lugo e Outeiro de Rei. En concreto, o proxecto inclúe:

- Os 5 primeiros quilómetros da LU-P-0802, que conecta Begonte e Santalla.
- A LU-P-2905, que vai de Ombreiro a Aspai, no tramo inicial ata o quilómetro 6,654.
- Case 3 quilómetros ao inicio da LU-P-3903, que vai de Santo Estevo a Donalbai.
- Preto do primeiro quilómetro da LU-P-3904, de Xueus a Feira da Gaioso.
- Os 13 primeiros quilómetros da LU-P-5101, entre Rábade e Friol. 

Pilar García Porto recalcou que este proxecto “mellorará de xeito significativo as comunicacións destes catro concellos” e destacou que “os traballos consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de desperfectos e na repavimentación. O prazo de execución para todas estas actuacións é de 4 meses desde o inicio das obras”. 

A Deputación aprobou tamén un investimento de máis de 145.000€ para mellorar tres estradas provinciais de Palas de Rei. En concreto, acondicionarase a LU-P-4006, que conecta a vila de Palas con Quindimil, do punto quilométrico 2,630 ao 3,975; na LU-P-4009, que vai de Ribeira á rampla de Covelo por Vilaseños, do inicio da vía ao 5,287; e na LU-P-4011, que une Palas desde o cemiterio con Tarrios e o ramal a Burdallos; dos primeiros 300 metros ata o quilómetro 2,098; e o ramal que son case 900 metros máis. 

Nas tres estradas as actuacións consistirán na reapertura de cunetas, obras de drenaxe, reparación de desperfectos, repavimentación e sinalización vertical. O prazo para acometer estas obras é de 3 meses desde o seu inicio.

Por último, en materia de mobilidade, licitouse unha actuación entre os concellos de Cospeito e Vilalba, para mellorar 8 quilómetros da LU-P-1702, que é a estrada que une Feira do Monte con Fontefría polo Pino. A institución provincial inviste máis de 430.000€ para rehabilitar o tramo comprendido entre o punto quilométrico 1,385 e o 9,214. O prazo de execución destas obras é de 3 meses e consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na reposición da sinalización mediante o pintado da vía. 

García Porto recalcou que “esta actuación completa a que acometeu a Deputación de Lugo o ano pasado ao comezo da estrada e que ademais, é unha vía importantísima para a comarca da Terra Chá porque dá servizo directo a máis dun milleiro de habitantes”. 

Máis de 3M€ para 24 vías provinciais


A Voceira socialista do Goberno recalcou que “só este mes aprobamos un investimento de máis de 3M€ para mellorar 24 estradas provinciais ao seu paso por 16 concellos da nosa provincia. O que dá boa conta por unha parte, do esforzo investidor que está a facer a Deputación de Lugo para o mantemento da rede de estradas provinciais –a máis extensa de todas as Deputacións de España con 4.217 quilómetros-; e por outra, da axilidade coa que traballamos para ser o máis útiles posibles aos veciños e veciñas desta provincia”. 

Nese sentido, lembrou que “este ano, segundo o anunciara o Presidente, temos comprometidos nos nosos Orzamentos 27M€ para o mantemento, conservación e mellora das estradas provinciais, o que representa máis do 20% do noso presuposto e que supón un 42% respecto ó que investimos o ano pasado”. 

Outros asuntos


Así mesmo, a Xunta de Goberno tamén aprobou a licitación por case 295.000€ do contrato do servizo de control de calidade das obras e actuacións da Deputación de Lugo. O contrato divídese en 3 lotes: o lote 1, que inclúe o control de calidade nas obras dos diferentes servizos da Deputación; o lote 2, para o control de calidade das obras e servizos de conservación dirixidos desde o Servizo de Vías e Obras; e o lote 3 que inclúe o control e calidade relativo ás prestacións executadas pola Deputación desde o Servizo de Parque Móbil. 

Licitado tamén por un total de 54.000€ o contrato para o subministro de pneumáticos dos vehículos e das máquinas do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro. A duración deste contrato será dun ano e poderá prorrogarse anualmente ata un máximo de 4 anos. 

Por último, a Xunta de Goberno adxudicou por case 23.000€ o contrato de renovación das licenzas de software antivirus para os equipos de postos de traballo da institución provincial. A empresa adxudicataria foi Inforhouse, S.L. e a duración do contrato é de dous anos prorrogables por outro máis.