Deputación de Lugo

O Presidente anuncia que a Deputación impulsa con 50.000€ a 18ª edición do FIV de Vilalba

José Tomé Roca
Marta Rouco
FIV
Sinatura convenio FIV Vilalba
O mandatario provincial e a Alcaldesa de Vilalba asinaron este venres no Pazo de San Marcos un convenio para colaborar con este evento musical que se celebrará neste municipio o 25 e o 26 de abril

José Tomé subliñou que “apoiar este festival de primeiro nivel é tamén unha gran oportunidade para promocionar e dar a coñecer o noso territorio” e sinalou que se estima un retorno económico de case 1M€

O FIV de Vilalba contará con dous escenarios, un situado no Campo da Feira e outro na Praza do Concello. Nesta edición actuarán artistas como Shinova, León Benavente, The Rapants ou Galician Army

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración coa Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, de 170.000€ para a celebración do FIV (Festival Independente de Vilalba). A institución provincial asume 50.000€ deste acordo e o Concello achega os 120.000€ restantes.

Sobre esta cita, que terá lugar neste municipio o 25 e o 26 de abril, José Tomé sinalou que “desde a institución provincial queremos impulsar este evento cultural, que se vén celebrando desde o ano 2008, porque estamos a falar dunha cita completamente consolidada no panorama musical da comarca da Terra Chá e de todo o conxunto da provincia”. 

Así mesmo, o mandatario provincial fixo especial fincapé en que “apoiar este festival de primeiro nivel é tamén unha gran oportunidade para promocionar e dar a coñecer o noso territorio. Durante toda a fin de semana, o número de habitantes do municipio chega case a duplicarse o que repercute directamente no tecido económico de Vilalba”. Nesta liña, José Tomé destacou que se estima un retorno económico de case 1M€. 

Pola súa banda, Marta Rouco agradeceu o apoio da institución provincial e convidou a todos os veciños e veciñas a achegarse o último fin de semana de abril ata Vilalba “para desfrutar da música máis actual da man de artistas de renome como Shinova, León Benavente, Varry Brava ou The Rapants”. Sobre o impacto económico desta cita, a Alcaldesa subliñou que “xa hai vendidas máis de 1.500 entradas por día e a taxa de ocupación hoteleira é do 100%”. 

Programa FIV 2025


O venres, 25 de abril actuarán no escenario Vibra Mahou situado no Campo da Feira:  Varry Brava, The Rapants, Joe Crepúsculo, Adrian Timms, Galician Army, Rapariga DJ.

O sábado, 26 de abril tocarán no escenario Vibra Mahou Shinova, León Benavente Cycle,  Leria, Juancasupersub DJ Set e Rapariga DJ. Por outra banda, no escenario #Fiver, que estará colocado na Praza do Concello, actuarán: Hydn, a banda de música de Vilalba, Grande Osso e o Karaoke FIV Stars.