Os novos vestiarios do Anexo estarán dispoñibles desde esta fin de semana
Os novos vestiarios do Anexo estarán dispoñibles desde esta fin de semana. O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro informou da apertura da nova instalación aos clubs que empregan a instalación provincial e á Federación Galega de Baloncesto, que se achegaron a coñecer a nova dotación.
Trátase de dúas zonas de aseos e vestiarios, unha feminina e outra masculina, ás que se accede de forma independente, desde a calexa entre o Pazo e o Anexo. Cada vestiario conta con 9 duchas -entre individuais e en cabina-, así como bancos e taquillas.
En total, suman 121 metros cadrados de superficie útil, construída na planta baixa do Pazo, a solución posible para crear este novo espazo atendendo á normativa urbanística, tal como se trasladou aos clubs antes de iniciarse o proxecto.
Efrén Castro sinalou que “con esta obra atendemos a demanda dos clubs de baloncesto base da cidade que xogan e adestran no Anexo, que desde esta fin de semana contarán cunha zona de aseos e vestiarios máis accesibles e próximos á cancha, e para uso propio ” e encadrou a actuación no “compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa mellora e modernización das instalacións de titularidade provincial”.
A construción dos vestiarios súmase a outras actuacións realizadas no último ano e medio, como a renovación do parqué da pista cun material que conta coa máxima certificación da Federación Internacional de Baloncesto (FIBA) na categoría de pavimentos de madeira de competición, que supuxo un investimento de 320.000 euros, o pintado das paredes interiores e as melloras na impermeabilización e na iluminación do recinto, que usan habitualmente uns 60 equipos da cidade.