A Deputación acolle a presentación da Axenda de Mulleres 2025, “unha publicación de referencia”
- Marisol Morandeira moderou este venres no Pazo de San Marcos o evento no que a cofundadora da Plataforma Andaluza de Apoio ao Lobby Europeo Rafaela Pastor, e a exsecretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara, compartiron reflexións e experiencias
O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu este venres á tardiña a presentación da Axenda de Mulleres 2025, a publicación que elabora a Plataforma Andaluza de Apoio ao Lobby Europeo desde o ano 1998. A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, moderou o evento no que tamén participaron a cofundadora desta Plataforma, Rafaela Pastor, e a exsecretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara.
Morandeira cualificou esta axenda como “unha publicación de referencia” e destacou esta edición “especialmente significativa” porque conmemora o trixésimo aniversario da IV Conferencia Mundial das Mulleres de Pequín, “un fito histórico que marcou un antes e un despois na loita pola igualdade”. Afondou que en 1995, a declaración e plataforma de acción da capital chinesa estableceu unha folla de ruta clara para avanzar en 12 áreas críticas, dende a violencia contra as mulleres ata a saúde, a educación, o medio ambiente ou a erradicación da pobreza.
“Para desmontar o patriarcado seguimos necesitando recursos económicos, persoais, formativos e, en definitiva, funcionais”, sinalou a Deputada, quen valorou que a igualdade “non é só unha cuestión de xustiza, senón tamén de recursos e de compromiso. E aquí, as administracións locais temos un papel fundamental”. Recalcou que desde a Deputación de Lugo “estamos comprometidos a impulsar, apoiar e avaliar accións que promovan a igualdade real e efectiva en toda a nosa provincia” e destacou que a loita pola igualdade “non é só unha cuestión de mulleres, senón dunha sociedade enteira que debe avanzar cara a un futuro máis xusto e máis libre”.
Rafaela Pastor e Laura Seara compartiron reflexións, experiencias e visións coas decenas de persoas que acudiron ao Pazo de San Marcos e que recibiron un exemplar da axenda, que recolle un artigo de Marisol Morandeira e outras mulleres de referencia no ámbito da política, a universidade e o movemento feminista.