A Deputación reafirma o seu compromiso na loita contra o cancro apoiando os actos da AECC Lugo no Día Mundial
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este martes na Porta de San Fernando de Lugo nos actos organizados pola Asociación Española Contra o Cancro con motivo do Día Mundial desta doenza. A esta cita tamén asistiron, entre outras autoridades, a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, o Presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Lugo, José Manuel Rozas Bello, e representantes de diferentes colexios profesionais da provincia.
Esta xornada celébrase cada 4 de febreiro co obxectivo de sensibilizar, concienciar e mobilizar á sociedade no control e na prevención desta enfermidade e que supón unha das primeiras causas de morte.
A institución provincial mantén unha estreita colaboración coa AECC Lugo apoiando e impulsando accións que contribúan ao benestar das persoas que padecen cancro. Ademais, tamén colabora anualmente con esta entidade lucense realizando unha achega económica de 8.000€ para facilitar a atención psicosocial dos pacientes oncolóxicos da provincia.