A Deputación destaca a figura de Hildegart Rodríguez na presentación dun libro sobre a súa obra xornalística

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou onte no Vello Cárcere na presentación da obra Hildegart na prensa socialista. Os seus artigos. A súa Voz, publicada pola Fundación Luís Tilve. A obra recolle a faceta de articulista da activista feminista Hildegart Rodríguez Carballeira, unha muller adiantada ó seu tempo que aínda segue a ser descoñecida.
Miguel Fernández destacou a importancia da obra e felicitou á Fundación Luís Tilve por dar visibilidade a unha figura clave no feminismo vangardista, que defendeu conceptos como a educación sexual, o control de natalidade e o divorcio. O Deputado tamén lembrou que a Deputación de Lugo colabora coa Fundación Luís Tilve a través dun convenio no que se financia con 25.000 euros o proxecto de investigación A reorganización do movemento obreiro na provincia de Lugo e a súa repercusión en Galicia (1945-1990).
No acto tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, e o secretario xeral de UGT-Lugo-Lemos-Costa Lucense, Ángel Tomé Roca, que acompañaron ao director da Fundación Luís Tilve, Guillerme Pérez Agulla, e ao autor e recompilador da obra, Francisco Xavier Redondo Abal, historiador e bibliotecario da Universidade de Santiago.