A Deputación participa na distinción de empresas e servizos que apostan pola calidade turística na Mariña

“Reafirmamos o noso compromiso de seguir colaborando en proxectos que potencien o noso territorio de xeito sostible”, sinalou Francisco Cajoto, para quen o turismo ten que servir para preservar o territorio e dinamizar a economía local
O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, participou na entrega de 13 novos diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) que se celebrou este xoves no salón de actos do IES mariñán. Esta distinción, que entrega a Mancomunidade de Municipios da Mariña, pretende poñer en valor as empresas e servizos turísticos que traballan pola mellora continua do destino.
“Este acto simboliza dous logros fundamentais: a aposta pola calidade e a capacidade de traballar unidos para impulsar a nosa comarca”, valorou Cajoto. Sinalou que a Mancomunidade está facendo un traballo “excepcional” na promoción turística e “desde a Deputación reafirmamos o noso compromiso de seguir colaborando en proxectos que potencien o noso territorio de xeito sostible. Porque o turismo non só debe ser unha fonte de riqueza, senón tamén unha ferramenta para preservar o noso patrimonio e dinamizar a economía local con emprego de calidade”.
Felicitou ao recoñecidos, “porque detrás hai formación, innovación e unha aposta decidida por ofrecer unha experiencia única aos nosos visitantes” e sinalou que co acto “tamén poñemos en valor a capacidade da nosa comarca para xerar proxectos ilusionantes e con impacto”, en referencia á campaña A Mariña latexa contigo. Nese sentido, asegurou que a iniciativa presentada en FITUR “recibiu un impresionante apoio” amosando dúas cousas: “que temos un destino que emociona, con recursos naturais, culturais e gastronómicos únicos tanto na costa como no interior; e que a nosa xente cre no potencial da Mariña Lucense e está disposta a difundilo”.
Xunto ao Deputado, participaron neste acto a Presidenta da Macomunidade da Mariña e Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades.