A Deputación colabora cunha nova edición das xornadas de cocido da Ribeira Sacra Estase Cocendo
O Deputado Pablo Rivera destacou na presentación da iniciativa, que organiza a APEHL dende esta fin de semana ata a 6 de abril, “que é unha aposta firme polo sector hostaleiro e turístico, polos produtores locais e pola promoción do noso territorio”
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves en Monforte de Lemos na presentación dunha nova edición das xornadas de cocido da Ribeira Sacra Estase Cocendo. Unha iniciativa organizada pola APEHL que, segundo destacou, a Deputación de Lugo leva anos apoiando por tratarse dunha “aposta firme polo sector hostaleiro e turístico, polos produtores locais e pola promoción do noso territorio”.
“Dinamiza toda a comarca da Ribeira Sacra”, valorou Rivera Capón no acto celebrado no Salón do Centro do Viño, onde puxo en valor a consolidación desta cita que,na súa 17ª edición, vai estar dedicada aos traballadores da hostalaría e do turismo. Animou á veciñanza de toda a provincia a achegarse á Ribeira Sacra a desfrutar destas xornadas nas que haberá tapas e menús de cocido nos diferentes establecementos participantes desde esta mesma fin de semana e ata a do vindeiro 6 de abril.
A Asociación Provincial de Hostalaría de Lugo (APEHL), que impulsa esta cita, conta coa colaboración da Deputación de Lugo, que achega 40.000€ ao longo do ano para que esta entidade impulse a promoción e a formación do sector turístico e gastronómico. Xunto o Deputado, participaron na presentación, entre outras autoridades, a Tenente de Alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada, e o Presidente da Hostalería de Galicia, Cheché Real.