Lugo converterase na capital do debate entre a xente moza do 3 ao 5 de abril co apoio da Deputación
A institución achega10.000€ para a organización do torneo, no que competirán 200 estudantesde Secundaria, Bacharelato e universitarios da provincia e de toda Galicia
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns na presentación do Torneo Lugo Debate, un evento que se celebrará do 3 ao 5 de abril, coa colaboración da Deputación, nas facultades de ADE e Ciencias do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. O evento, organizado pola asociación Más Debate, reunirá a uns 200 estudantes de Secundaria, Bacharelato e universitarios de toda Galicia, que competirán na arte do debate, poñendo a proba as súas habilidades argumentativas e de oratoria.
Pablo Rivera Capón destacou o apoio da institución provincial, que achega 10.000€ para a organización desta iniciativa, porque “cremos que unha sociedade mellor fórxase no pensamento crítico e na capacidade de expoñer ideas con claridade". Subliñou o Deputado a importancia de eventos como o Lugo Debate “para formar unha mocidade capaz de analizar e comunicar as súas ideas de maneira efectiva e respectuosa”.
No Lugo Debate, os participantes competirán en varias categorías de Secundaria e Bacharelato, cun máximo de 16 equipos por categoría. O torneo contará con fases de grupos e eliminatorias, ademais de diversas ponencias, conferencias e talleres prácticos sobre temas de actualidade e interese para a mocidade.
“O Lugo Debate é unha excelente plataforma para que os mozos e mozas de Lugo poidan desenvolver as súas habilidades argumentativas, fortalecer a súa oratoria e, sobre todo, aprender a defender as súas ideas de maneira sólida e respectuosa”, sinalou Rivera Capón. O Deputado tamén reflexionou sobre o poder transformador da oratoria na política, afirmando que “a oratoria sempre tivo un papel fundamental na política, pois permite non só transmitir ideas, senón tamén convencer, emocionar e inspirar”.
Ao remate da súa intervención, o Deputado convidou aos lucenses a seguir o evento e a reflexionar sobre a importancia do debate como ferramenta esencial para o progreso, destacando que “en tempos nos que a desinformación e os discursos rápidos teñen tanto peso, é máis necesario que nunca fomentar o diálogo, o respecto e a reflexión”.
Os gañadores do torneo recibirán como premio unha viaxe a Bruxelas para coñecer de primeira man o funcionamento da política europea e como as decisións tomadas na Unión Europea impactan na vida da cidadanía.