O Presidente recibe na Deputación ao alumnado de Maristas: “Aquí traballamos para que a provincia funcione mellor”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ao alumnado de 4º de primaria do colexio Maristas de Lugo. “Aquí traballamos para que a provincia funcione mellor”, explicou o mandatario provincial, que respondeu ás preguntas que lle formularon os 25 nenos e nenas que formaban o grupo.
“Na Deputación preocupámonos por moitas cousas que seguro que vos sonan”, destacou Tomé Roca, “que as estradas polas que viaxades estean en boas condicións, que os vosos avós e avoas estean ben coidados, que manteñamos os nosos espazos naturais limpos e protexidos ou que a xente que veña de fóra de Lugo leve unha boa experiencia e queira volver”.
Os pequenos, de entre 9 e 10 anos, preguntaron tamén ao Presidente que estudiara, cal era a súa profesión, o seu equipo de fútbol ou como é o día a día na Deputación. Tamén visualizaron un vídeo coa historia do edificio e visitaron o Salón de Plenos. Ademais, entregóuselles unha mochila cunha gorra, unha libreta e un bolígrafo rotulados co escudo da Deputación.