A Deputación reivindica as políticas sociais nunha gala que une en Lugo cociña e solidariedade

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, reivindicou este venres o compromiso da Deputación coas políticas sociais na gala Diez Raz10nes, unha cita que se celebrou no Círculo das Artes de Lugo e serviu para reunir fondos en favor da asociación Raiolas e Down Lugo. “Estamos aquí para demostrar que a gastronomía pode ser un lazo de unión e solidariedade”, sinalou o responsable provincial, que puxo en valor a achega de 6.000€ que fai a institución provincial para a realización deste evento.
“Desde a Deputación temos claro que as políticas sociais son o verdadeiro escudo protector dunha sociedade”, destacou Rivera Capón, quen precisou que un terzo dos fondos provinciais están destinados a investir neste tipo de servizos. Sinalou tamén que desde a institución se traballa en colaboración permanente co tecido asociativo, no convencemento de que a suma de esforzos é clave para o mellor aproveitamento dos recursos.
A velada contou cun menú de 10 pratos elaborados por 12 cociñeiros de renome como Miguel F. Vidal (restaurante Morgana de Madrid), Pablo Vila (Oca Hotels de Santiago) ou Xoán Crujeiras (restaurante Bido da Coruña). A cita tamén permitiu descubrir as creacións culinarias dos lucenses Noelia Canto, da Postrería de Noe; Álex Méndez de Os Cachivaches; Nardo Eiroa de Canedo Restaurante & Brasería; Héctor López, do Restaurante España; e Álvaro Villasante do Paprica. Na cita participaron ademais o Mago Rafa, cun espectáculo de maxia, e a banda musical La Penúltima Sabinera.