O Presidente puxo en valor a Feira do Butelo “como motor económico e emblema da gastronomía local”

“O butelo é un dos embutidos máis representativos na tempada de cocido, simbolizando a nosa historia, esforzo e identidade”, destacou o Presidente, quen subliñou “o labor fundamental dos produtores e das empresas cárnicas, que son os responsables de garantir a súa calidade excepcional”
A institución provincial realiza unha achega económica de máis de 30.000€ para a organización da feira, na que está previsto que se vendan 20.000 quilos do produto cárnico
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do Alcalde e Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, e de deputados e deputadas provinciais, participou este sábado na inauguración da XXVIII Feira do Butelo que se celebra esta fin de semana na Fonsagrada. A institución provincial realiza unha achega económica de máis de 30.000€ para a organización da feira, na que está previsto que se vendan 20.000 quilos do produto cárnico.
José Tomé expresou a súa ledicia ante os centos de persoas reunidas no recinto feiral, destacando que a Feira do Butelo “é un motor económico para a Montaña e un emblema da gastronomía tradicional da provincia”. O Presidente subliñou que “o butelo é un dos embutidos máis representativos da tempada de cocido, simbolizando a nosa historia, esforzo e identidade”. Neste sentido, puxo en valor “o labor fundamental dos produtores e das empresas cárnicas que, co seu traballo constante e coidado, garantizan a calidade excepcional deste produto tan noso, que forma parte da nosa cultura gastronómica”.
A Feira do Butelo non só ten un impacto social e cultural, senón tamén un importante impacto económico. “Esta feira é un claro exemplo de como a nosa gastronomía pode ser un piar clave no desenvolvemento económico do rural, porque neste evento reflíctese a forza das pequenas empresas, produtores locais e autónomos, que son a alma deste evento e dunha economía de proximidade que tanto aporta á nosa provincia”, apuntou.
Así mesmo, o mandatario provincial aproveitou a ocasión para felicitar ao Alcalde Carlos López polo seu traballo na organización desta cita anual, “que cada ano medra e se consolida como un referente na promoción da nosa gastronomía e da riqueza do noso rural, poñendo en valor produtos tan tradicionais como o butelo”. Con respecto ao impacto turístico da feira, afirmou que eventos como este son “o mellor escaparate para amosar a beleza, a hospitalidade e o patrimonio natural e cultural da Fonsagrada e de toda a provincia de Lugo”.
Para rematar, o Presidente reiterou o compromiso da institución coa dinamización do rural, asegurando que “as administracións debemos seguir apoiando iniciativas como esta, que non só promoven o noso patrimonio gastronómico, senón que tamén reforzan o tecido económico e social da nosa terra”. Estamos convencidos, sinalou, que apoiar a produción local e fomentar o turismo sostible “é a clave para garantir que as nosas vilas e aldeas sigan vivas, cheas de oportunidades e capaces de atraer novas xeracións”.
A Feira do Butelo, que se celebra durante este fin de semana na Fonsagrada, atrae a milleiros de visitantes de Galicia, Asturias e doutros lugares para degustar este emblemático produto, simbolizando non só a tradición e a cultura, senón tamén a forza do rural lucense.