O Presidente valora a entrega do Butelo de Ouro a dúas persoas “clave” para a democratización do ensino na Fonsagrada
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo xunto ao Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, na entrega do Butelo de Ouro, que este ano recoñece a dúas persoas “clave” para a democratización do ensino na Fonsagrada. Así o valorou o mandatario provincial a distinción a Álvaro Touza, o primeiro director do instituto fonsagradino e Antonio López, o Rexedor que logrou a súa apertura e o primeiro Alcalde da democracia deste concello da Montaña.
“As sociedades avanzan grazas á liberdade, pero esta non se pode comprender nin defender de maneira axeitada sen a educación”, sinalou Tomé Roca, quen engadiu que “son os bos mestres os que forman bos cidadáns capaces de discernir e elixir aos bos políticos”. Agradeceu nese sentido a “contribución impagable” de Touza e López ao proceso de modernización e construción dunha Fonsagrada “máis formada, máis responsable e con capacidade para deseñar o seu futuro”.
Destacou tamén o Presidente “o bo traballo dos gandeiros, dos produtores de Butelo e do Concello” polo impulso desta festa, por conservar o que pagaba a pena, e citou a calidade, a ligazón co territorio e a aposta pola mellora “constante” dos produtos gandeiros e gastronómicos.
A XXVIII edición da Feira do Butelo, á que a Deputación achegou 30.000€, termina este domingo coa participación de 70 postos de venta de alimentación e artesanía que esperaban acadar un volume de vendas de produto cárnico de 20.000 quilos.