Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente recalca o compromiso da Deputación coas enfermidades raras na xornada na que se conmemora o seu Día Mundial

Enfermedades Raras
José Tomé Roca sumouse este venres en Lugo aos actos organizados pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEDEREC) co obxectivo de poñer o foco de atención nas persoas que padecen este tipo de patoloxías e nas súas familias

O mandatario provincial lembrou que a Deputación de Lugo aprobou no último Pleno Provincial unha declaración institucional para promover a prevención destas doenzas, a investigación ou o diagnóstico precoz

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa do Concello de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, participou este venres na lectura da declaración institucional, que se realizou diante da Casa Consistorial de Lugo, con motivo do Día Mundial das Persoas con Enfermidades Raras, que se celebra cada 28 de febreiro.
 
O mandatario provincial resaltou o compromiso que mantén a Deputación de Lugo con este tipo de patoloxías, que padece entre o 6 e o 8% da poboación mundial, e recordou que “esta mesma semana aprobamos unha declaración institucional no Pleno Provincial na que reivindicamos unha atención integral, o acceso aos servizos sociais, a inclusión social, así como unha formación especializada en ámbitos clínicos e sociais”.
 
Esta xornada enmárcase dentro da programación de actividades, que organizou a FEDEREC ao longo de todo o mes de febreiro, e na que se incluíu unha xornada de sensibilización no entorno educativo; unha mesa informativa ou unha andaina solidaria polo adarve da Muralla.
 
Ademais, Tomé Roca tamén lembrou que este venres a fachada do Pazo de San Marcos tinguirase de verde e morado para amosar a sensibilidade da institución provincial con esta doenza e sumarse á campaña que desenvolveu a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas.