Arrancan as obras do cinto comarcal á altura do Corgo cun investimento de máis de medio millón de euros

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras do cinto comarcal, a LU-P-1611, á altura do Corgo, cun investimento que supera o medio millón de euros. Os traballos avanzan estes días coa pavimentación do firme en dous tramos que abarcan do Alto de Gomeán ata a parroquia de Marei –do punto quilométrico 0,1 ao 5,6- e á altura de Maceda –entre o 6,6 e o 7,5- e rematarán previsiblemente a principios do mes de maio.
A actuación, que desenvolve a empresa Francisco Gómez y Cía, consiste na limpeza de cunetas, saneado do firme, pavimentación con aglomerado en quente, reposición da sinalización vertical e pintado da vía. E complementarase con outra que a Deputación vén de adxudicar entre os concellos de Begonte e Castro de Rei con preto de 350.000€ e que servirá para mellorar 4,6 quilómetros da vía, á altura da parroquia begontesa de Felmil e ao seu paso pola parroquia castrense de San Xiao de Mos.
Nos últimos cinco anos, a Deputación de Lugo impulsou un total de sete proxectos para mellorar en diferentes tramos o cinto comarcal, esencial para as comunicacións da provincia, cun investimento duns 3,65M€. A institución provincial ten mellorado desde o 2020 máis de 35 quilómetros –case o 30%- da LU-P-1611 ao seu paso por Pol, Castroverde, Cospeito, Castro de Rei, Friol, Lugo, Guntín, O Corgo e Begonte. Un esforzo inversor importante nunha estrada que conecta un total de 11 concellos nos seus máis de 131 quilómetros.