O Presidente inaugura a temporada das rutas fluviais pola Ribeira Sacra con 15.453 reservas

“Este servizo é un motor económico fundamental para a comarca da Ribeira Sacra porque atrae á provincia a novos visitantes e dinamiza a economía local, polo que o investimento que destinamos cada ano repercute directamente no turismo, a hostalería e o comercio”
O mandatario provincial, que compartiu viaxe cos primeiros pasaxeiros da tempada de catamaráns deste 2025 na Ruta fluvial polos Canóns do Sil, desexoulles unha boa travesía e animounos a descubrir en profundidade unha comarca marcada pola beleza paisaxística, a riqueza da súa cultura vinícola e os seu patrimonio histórico”
As persoas interesadas en realizar as rutas polos canóns do Sil e do Miño, que continuarán ata final de ano, poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, inaugurou este sábado a tempada 2025 das rutas fluviais da Ribeira Sacra, unha das ofertas turísticas máis destacadas da provincia, cunha gran expectación e un incremento do 22% nas reservas respecto ao mesmo período do ano pasado. José Tomé destacou que a tempada arrinca coas mellores previsións, e “agardamos superar os 61.000 pasaxeiros que desfrutaron destas viaxes no 2024”.
"Este servizo é un motor económico fundamental para a comarca da Ribeira Sacra, pois atrae a novos visitantes e dinamiza a economía local. O investimento que destinamos cada ano repercute directamente no turismo, a hostalería e o comercio, axudando a manter as zonas rurais vivas e a xerar oportunidades para as nosas xentes", afirmou.
O Presidente compartiu viaxe cos primeiros pasaxeiros desta tempada, que elixiron a ruta fluvial polos Canóns do Sil. Durante a travesía, desexou aos visitantes unha boa experiencia e animonos a descubrir a fondo a comarca, destacando a súa beleza paisaxística, a súa rica cultura vinícola e o patrimonio histórico da zona.
"As rutas fluviais ofrecen unha oportunidade única para coñecer un dos territorios máis fermosos e auténticos de Galicia. A Ribeira Sacra é un destino que combina natureza, historia e tradicións que engadirán un valor incalculable á súa experiencia", sinalou o mandatario provincial.
No acto de apertura da nova tempada de rutas participaron xunto ao Presidente da Deputación de Lugo, a primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada e a concelleira de Consumo, Regina López do Concello monfortino; o Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o concelleiro soberino Iván Armesto; e o concelleiro de Turismo do Concello de Castro Caldelas, Antonio Pérez Blanco, así como o xerente do Grupo TRAGSA.
Un aumento na demanda
A tempada 2025 das rutas fluviais pola Ribeira Sacra comeza cunha gran acollida por parte do público, que xa realizou 15.453 reservas. Este incremento de 3.453 reservas con respecto ao ano pasado reflicte o crecemento da demanda e a consolidación destas rutas como unha das principais alternativas turísticas en Galicia.
José Tomé destacou que o modelo de turismo sostible impulsado pola Deputación de Lugo busca diversificar a oferta turística, desestacionalizar a demanda e potenciar o desenvolvemento económico en todas as comarcas da provincia. "Lugo é unha provincia rica en recursos naturais e culturais, e estamos a traballar para que o turismo sexa un motor de progreso sen esquecer on coidado co medio ambiente", afirmou o Presidente.
Reservas, datas e horas
As persoas interesadas en realizar as rutas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es
Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de 2 horas.
No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín.
Na Ruta Canón do Sil en marzo haberá rutas as fins de semana do 22 e 23; e do 29 e 30, en horario de mañá de 11:30 horas e 16:00 horas.
En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do luns 14 ao domingo 16, operando nas dúas rutas do Mencía, en horario de 11:30 horas e 17:00 horas; e o Canón 11:00 horas a 16:30 horas. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canón do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana.
En maio, a ruta estará dispoñible de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e 16:30 de luns a venres as fins de semana; e a ponte do 1 de maio pola festividade do Traballo, as saídas serán ás 11:30 e 17:00 para Mencía, e ás 11:00 e 16:30 para o Canón do Sil.
Durante o mes de xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana.
No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e ata setembro o servizo funcionará durante toda a semana. No mes de outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e os días 8, 9 e 10, cun horario de 11:30 e 16:30 horas.
En novembro, as saídas serán as fins de semana, cun horario de 11:30 e 16:00 horas. Finalmente, no mes de decembro, as saídas realizaranse do 1 ao 8, cun horario de 11:30 e 16:00 horas.