Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación licita a redacción do proxecto e a dirección da obra para construír a residencia de Cervantes

Cervantes
rede de centros de atención a maiores
“Este novo paso que damos hoxe é fundamental para que Cervantes poida contar nun futuro cun centro de atención a maiores, é o trámite previo para licitar a construción do edificio que albergará esta dotación”, afirmou a Voceira Socialista do Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar este venres a licitación do contrato para a redacción do proxecto e a dirección da obra da residencia que se construirá no Concello de Cervantes. Así o anunciou a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen sinalou que este acordo supón “un  paso máis para continuar avanzando na ampliación da Rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación”, un servizo clave engadiu, “para mellor a atención á terceira idade da provincia”. 

A licitación do contrato, cun orzamento que supera os 110.000€, divídese en dous lotes: un para a redacción do proxecto, cun prazo de execución de dous meses, e outro para a dirección das obras, que terá un prazo de seis meses.

“Este novo paso que damos hoxe é fundamental para que Cervantes poida contar nun futuro próximo cun centro de atención a maiores, porque é o trámite previo a que poidamos licitar a construción do  edificio que albergará esta dotación”, afirmou Pilar García Porto. 

A Voceira Socialista do Goberno subliñou que a nova residencia, que formará parte da rede de centros de atención a maiores da Deputación, estará situada no núcleo urbano de San Román de Cervantes nunha parcela de 2.716m2 da rúa Deputación que o Concello cedeu á institución provincial. Destacou que o novo equipamento “permitirá ofrecer atención de proximidade ás persoas maiores deste municipio de Montaña e tamén da súa contorna, garantindo que poidan envellecer no sitio no que sempre viviron, con todos os coidados necesarios e sen ter que afastarse da súa comunidade e das súas raíces”.

A construción desta residencia responde ao firme compromiso da Deputación co Concello de Cervantes e reforza a aposta pola mellora dos servizos sociais na provincia. Recordou Pilar García Porto, que  “a creación e xestión destes centros é competencia da Xunta de Galicia”. Sen embargo, apuntou que “dada a inacción desta administración, a Deputación asumiu a responsabilidade de dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas, especialmente no medio rural”.


Un modelo de atención centrado nas persoas

A residencia de Cervantes seguirá o modelo innovador da Deputación de Lugo, que aposta por residencias de pequeno tamaño, integradas nos concellos e cun enfoque centrado na atención personalizada. Este modelo baséase en unidades de convivencia que favorecen un ambiente familiar e acolledor, mellorando a calidade de vida dos residentes. Este sistema permite que cada residente se sinta parte dunha comunidade, ao tempo que recibe os coidados adecuados segundo as súas necesidades.

A Deputación de Lugo xa conta con nove residencias en funcionamento e outras nove en diferentes fases de tramitación e execución. O modelo de atención que implementa a Deputación ten unha radio de 400 residentes por 300 traballadores, garantindo unha atención de calidade e centrada nas persoas. Este enfoque é pioneiro en Galicia e está adaptado ás necesidades do territorio, especialmente no rural.