Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación licita a redacción do proxecto e a dirección da obra para construír a residencia de Cervantes

Cervantes
rede de centros de atención a maiores
A Xunta de Goberno de hoxe sacou adiante este contrato, que conta cun orzamento superior aos 110.000€, está divido en dous lotes cun prazo de execución de 2 meses no que ten que ver coa redacción do proxecto e de 6 meses para a dirección da obra

“Este novo paso que damos hoxe é fundamental para que Cervantes poida contar nun futuro cun centro de atención a maiores, é o trámite previo para licitar a construción do edificio que albergará esta dotación”, afirmou a Voceira Socialista do Goberno

Esta residencia, que responde ao compromiso adquirido pola Deputación co Concello de Cervantes, estará situada no núcleo urbano de San Román de Cervantes nunha parcela de 2.716m2 da rúa Deputación que o Concello cedeu á institución provincial

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar este venres a licitación do contrato para a redacción do proxecto e a dirección da obra da residencia que se construirá no Concello de Cervantes. Así o anunciou a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen sinalou que este acordo supón “un  paso máis para continuar avanzando na ampliación da Rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación”, un servizo clave engadiu, “para mellor a atención á terceira idade da provincia”. 

A licitación do contrato, cun orzamento que supera os 110.000€, divídese en dous lotes: un para a redacción do proxecto, cun prazo de execución de dous meses, e outro para a dirección das obras, que terá un prazo de seis meses.

“Este novo paso que damos hoxe é fundamental para que Cervantes poida contar nun futuro próximo cun centro de atención a maiores, porque é o trámite previo a que poidamos licitar a construción do  edificio que albergará esta dotación”, afirmou Pilar García Porto. 

A Voceira Socialista do Goberno subliñou que a nova residencia, que formará parte da rede de centros de atención a maiores da Deputación, estará situada no núcleo urbano de San Román de Cervantes nunha parcela de 2.716m2 da rúa Deputación que o Concello cedeu á institución provincial. Destacou que o novo equipamento “permitirá ofrecer atención de proximidade ás persoas maiores deste municipio de Montaña e tamén da súa contorna, garantindo que poidan envellecer no sitio no que sempre viviron, con todos os coidados necesarios e sen ter que afastarse da súa comunidade e das súas raíces”.

A construción desta residencia responde ao firme compromiso da Deputación co Concello de Cervantes e reforza a aposta pola mellora dos servizos sociais na provincia. Recordou Pilar García Porto, que  “a creación e xestión destes centros é competencia da Xunta de Galicia”. Sen embargo, apuntou que “dada a inacción desta administración, a Deputación asumiu a responsabilidade de dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas, especialmente no medio rural”.


Un modelo de atención centrado nas persoas

A residencia de Cervantes seguirá o modelo innovador da Deputación de Lugo, que aposta por residencias de pequeno tamaño, integradas nos concellos e cun enfoque centrado na atención personalizada. Este modelo baséase en unidades de convivencia que favorecen un ambiente familiar e acolledor, mellorando a calidade de vida dos residentes. Este sistema permite que cada residente se sinta parte dunha comunidade, ao tempo que recibe os coidados adecuados segundo as súas necesidades.

A Deputación de Lugo xa conta con nove residencias en funcionamento e outras nove en diferentes fases de tramitación e execución. O modelo de atención que implementa a Deputación ten unha radio de 400 residentes por 300 traballadores, garantindo unha atención de calidade e centrada nas persoas. Este enfoque é pioneiro en Galicia e está adaptado ás necesidades do territorio, especialmente no rural.