A Deputación participa na inauguración dunha mostra sobre a historia e a cultura xitanas no Vello Cárcere
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este luns en Lugo na inauguración da mostra Historia e cultura do pobo xitano. A exposición, que se pode ver no Vello Cárcere ata este xoves 10 de abril, estará a disposición dos centros educativos da cidade e ten o obxectivo de rachar cos estereotipos e descoñecemento sobre este colectivo.
“A comunidade xitana forma parte da historia viva da nosa terra. A súa cultura, a súa lingua, os seus valores e a súa capacidade de resistencia enriqueceron Galicia ao longo dos séculos”, valorou Carlos López. Puxo en valor o compromiso da institución provincial cos organizadores desta cita, a Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo, que conta este ano cunha achega provincial de 10.000€ para un proxecto de rehabilitación de vivendas.
Esta mostra, que consta de 18 paneis, nace coa intención de achegar ao alumnado do sistema educativo e da cidadanía información da historia do pobo xitano.
A cita desta tarde, contou coa conferencia de Sofía Vázquez Manzano, responsable da cooperativa de traballo asociado Mulleres Colleiteiras, a presencia do presidente da Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo, Manuel Vila, e do Alcalde do Concello e Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández.