Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación comeza os traballos de xestión do arborado en San Marcos, o Museo Provincial e o Fogar de Santa María

Plan de xestión do arborado
O plan, cun investimento de preto de 18.000€, inclúe podas de seguridade, análises técnicas e instalación de ancoraxes en árbores de gran porte e talas de exemplares en risco para garantir a conservación e a seguridade nos espazos verdes

A Deputación de Lugo comeza cos traballos de xestión do arborado do Pazo de San Marcos, o Museo Provincial e o Fogar de Santa María. Este mércores iniciáronse os labores que se executan dende a área de Medio Ambiente co obxectivo de aplicar as medidas necesarias nestes tres espazos provinciais que contan con zonas verdes para garantir tanto a súa conservación como a seguridade das persoas que transitan por eles.

O investimento para levar a cabo todos estes traballos é de preto de 18.000 euros e realizaranse de forma progresiva, priorizando os máis urxentes. O estudo, elaborado polos técnicos do Servizo de Medio Ambiente, analizou preto de 50 exemplares e propón actuacións concretas segundo o seu estado. Están previstas podas de seguridade e saneamento, instalación de ancoraxes en árbores de gran porte, análises instrumentais en exemplares que presentan feridas ou anomalías, e tamén a tala dalgunhas árbores que supoñen un risco elevado.

A Deputación explica que o plan responde á necesidade de facer unha xestión responsable do arborado, combinando a seguridade das persoas coa preservación do patrimonio natural. No caso do Pazo de San Marcos, por exemplo, hai especies como magnolios e coníferas moi antigas, que precisan coidados especiais.

Con esta actuación, a Deputación reafirma o seu compromiso coa protección dos espazos verdes e cunha xestión sostible e segura do medio natural de titularidade provincial.