Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación proxecta os atractivos turísticos da provincia en Expocidades, que abre hoxe as súas portas en Sarria

Sarria
expocidades
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou na apertura da oitava edición desta feira do Eixo Atlántico, onde visitou o stand da institución e asistiu á degustación de produtos da Eurorrexión

A Mostrareunirá ata o domingo a unha trintena de municipios e entidades de Galicia e o Norte de Portugal, e desenvolverá un amplo programa de actividades, “esta mostra representa unha oportunidade única para dar visibilidade ao noso territorio, nun contexto de cooperación transfronteiriza”, afirmou García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio, e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na apertura da oitava edición de Expocidades, a feira de turismo organizada polo Eixo Atlánticoque se celebra dende este venres ata o próximo domingo na Praza da Vila de Sarria, e que conta coa presenza dunha trintena de municipios e entidades de Galicia e do Norte de Portugal. A Deputación de Lugo está presente cun stand propio desde o que promociona os principais atractivos turísticos da provincia. 

Pilar García Porto asistiu ao acto inaugural,percorreu o recinto feiral e degustou produtos típicos da EurorrexiónGalicia–Norte de Portugal, onde subliñou que “esta mostra representa unha oportunidade única para dar visibilidade ao noso territorio, promovendo os nosos recursos patrimoniais, culturais, naturais e gastronómicos nun contexto de cooperación transfronteiriza”. Neste sentido, engadiu que “a presenza da institución provincial nesta mostra encádrase nunha serie de eventos nacionais e internacionais orientados ápromoción dos recursos turísticos da provincia”.

A Deputada destacou tamén que Expocidades coincide coa tradicional Feira de Antigüidadesde Sarria, “o que permitirá atraer a milleiros de visitantes durante esta ponte de maio, reforzando o papel de Sarria como punto de encontro turístico e cultural”. 

Expocidades é un evento organizado polo Eixo Atlántico, co obxectivo de promover o turismo de proximidade e fortalecer o intercambio cultural entre Galicia e o norte de Portugal. Durante o desenvolvemento do evento, os visitantes podendescubrir a riqueza cultural, histórica e gastronómica dos municipios que conforman o Eixo Atlántico, creando un espazo as dúas rexións nun espazo de intercambio, aprendizaxe e desfrute.

A feira actúa como escaparate da diversidade e dos recursos das dúas rexións, poñendo en valor o seu patrimonio, tradicións e gastronomía, e consolidándose como unha plataforma para fortalecer os lazos culturais e a cooperación transfronteiriza.

Degustacións, obradoiros, visitas guiadas e cata de viños

A oitava edición Expocidades ofrece unha ampla e variada programación que inclúe degustacións enogastronómicas, obradoiros ou artesanía en vivo, e moitas outras actividades dirixidas a todos os públicos. Ao longo da fin de semana, celebraranse tres visitas guiadas centradas no Camiño Francés, nas antigüidades, e na figura do afamado chocolateiro sarriá, Matías López. Un dos espazos destacados será a cata exclusiva de viños galegos e portugueses, prevista para o sábado 3 de maio, na que participarán enólogos das dúas rexións.

Para o público infantil, haberá propostas como obradoiros de chocolate, espectáculos de maxia e actividades creativas centradas na elaboración de instrumentos con elementos naturais. Os adultos, pola súa banda, poderán participar nun obradoiro de baile tradicional galego. A música tamén terá un papel protagonista, con concertos e actuacións para todos os gustos, incluíndo un tributo a ABBA, o concerto da banda local Louband e a participación do grupo sarriá Clarisaxos.