A Deputación ofrece un servizo gratuíto de asesoramento social e laboral para persoas con dificultades económicas
No ano 2024 os profesionais desta entidade atenderon as consultas de máis de 110 persoas de forma presencial que solicitaron orientación para resolver cuestións de estranxeiría ou asesoramento sobre axudas sociais
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo, Manuel Núñez Carreira, a través do que a institución provincial realiza unha achega económica de 25.000€ para financiar un servicio gratuíto de asesoramento social e laboral para persoas con dificultades económicas.
As principais cuestións ás que se dá resposta están relacionadas con asuntos de estranxeiría, condicións laborais ou dereitos e axudas sociais, entre outros temas. Este recurso, que se desenvolve da man dos profesionais da entidade lucense, leva en marcha sete anos consecutivos cunha tendencia á alza no número de consultas. No 2024 -a maiores das peticións que se atenderon telefonicamente- deuse resposta as dúbidas de xeito presencial de 114 persoas.
O mandatario provincial recalcou que “desde a institución provincial renovamos novamente esta colaboración co Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo porque presta un labor fundamental, ofrecendo atención especializada a aqueles veciños e veciñas da provincia que se atopan en situacións de vulnerabilidade. O incremento das consultas ano tras ano demostra a necesidade deste recurso, así como a calidade, o rigor e a profesionalidade coa que se desenvolve esta iniciativa social”.
Pola súa banda, Manuel Núñez agradeceu o apoio económico da Deputación de Lugo e recordou o funcionamento deste servizo de asesoramento que “levamos a cabo tanto de xeito telefónico como presencial sen necesidade de que os propios solicitantes teñan que desprazarse ata a sede, pois son os propios profesionais o que o fan”. Así mesmo, avanzou que as persoas interesadas deben solicitar cita previa no Colexio para iniciar os trámites da consulta.