Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente e o Alcalde de Lugo asina un convenio de 50.000€ para impulsar o Arde Lucus 2025

JOSE TOMÉ
arde lucus
turismo
José Tomé subliñou que este apoio “é unha aposta clara de reforzar a proxección cultural e turística desta festa castrexo-romana que é xa un símbolo da nosa identidade e un referente internacional das festas de recreación histórica”

Miguel Fernández agradeceu, pola súa banda, a colaboración que vén prestando a institución desde os inicios da festa,que“foi crucial para o seu crecemento, mellora e consolidación, e para acadar a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional”

A contribución da Deputación permitirá ao Concello adquirir material para a confección de traxes de época, cubrir os gastos de divulgación, e contratar a instalación dunha bancada para o Circo Romano

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres co Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 50.000€ ao Concello par impulsar o Arde Lucus 2025, que se celebrará do 12 ao 15 de xuño. 

José Tomé destacou que esta achega reafirma o compromiso da Deputación con esta festa castrexo-romana de referencia en recreación histórica, subliñando que este apoio “é unha aposta clara de reforzar a proxección cultural e turística desta festa castrexo-romana que é xa un símbolo da nosa identidade e un referente internacional das festas de recreación histórica”. 

Subliñou ademais o Presidente, o importante impacto económico que xera a celebración, que mobiliza arredor de 12 millóns de euros e alcanza niveis de ocupación hoteleira próximos ao 100%, atraendo preto de medio millón de visitantes.“O traballo conxunto entre a Deputación e o Concello de Lugo é esencial para seguir facendo medrar esta celebración, que cada ano atrae centos de miles de persoas”, declarou o mandatario provincial.

Pola súa parte, Miguel Fernández, agradeceu a colaboración que vén prestando a institución desde os comezos desta festa, e “que foi crucial para o seu crecemento, para a súa mellora e consolidación, e para acadar a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional”. Subliñou que grazas a colaboración público-privada, “esta festa poderá seguir crecendo, e asumindo novos retos de cara á celebración dos 25 anos do Arde Lvcvs que viviremos o ano que vén. Temos que incidir na consolidación da festa e na distinción, porque agora podemos dicir que este evento é non só referente senón modelo do resto de festas de recreación histórica”. 

Así mesmo destacou o rexedor que nesta festa “é crucial o traballo de todo o tecido asociativo lucense; do  respaldo, cada vez máis amplo, de empresas de Lugo, pero tamén o é o apoio da Deputación de Lugo, que como institución pública, dáse por suposto, pero que vai moito máis aló cunha implicación total coa festa”, concluíu o rexedor. 

Esta achega da Deputación permitirá ao Concello adquirir material para a confección de traxes de época, sufragar os custos de divulgación do cartel e programa oficial, así como contratar infraestruturas fundamentais para espectáculos clave como o Circo Romano.Ademais, a institución provincial, colabora con esta festa coa cesión de espazos públicos, a promoción do evento a través do seu Servizo de Audiovisuais, campañas publicitarias e participación en feiras turísticas e medios de comunicación.