O Presidente destaca o valor da Ribeira Sacra polo seu “incalculable” patrimonio nun foro centrado na candidatura a Patrimonio Mundial
“O recoñecemento da UNESCO sería un fito histórico para a provincia. Confiamos en que, se o proceso continúa avanzando segundo o previsto, poderiamos celebralo no mes de xuño de 2026”, subliñou o mandatario provincial
O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou este venres na inauguración dun foro, que organizan no Parador de Monforte os xornais El Progreso e La Región. O encontro reuniu a representantes institucionais, expertos e axentes do territorio para analizar e debater sobre a situación actual e os retos da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial pola UNESCO.
José Tomé destacou durante a apertura do foro que a Ribeira Sacra “ten un patrimonio humano, cultural e natural dun valor incalculable”, e subliñou que o recoñecemento da UNESCO sería un paso histórico para a comarca e para toda a provincia de Lugo.
“Estamos ante un momento clave. Confiamos en que, se o proceso continúa avanzando segundo o previsto, en xuño de 2026 podería chegar ese recoñecemento que tanto merece este territorio”, sinalou o mandatario provincial, quen puxo en valor a implicación da Deputación de Lugo neste proceso para recuperar a candidatura hai máis dunha década, da man do entón Presidente, José Ramón Gómez Besteiro.
Tomé Roca tamén puxo o foco nun dos aspectos que singulariza esta candidatura: a relación entre a Ribeira Sacra e a auga, como elemento vertebrador da paisaxe, da economía e da cultura. Rematou apelando o Presidente á cooperación entre administracións e ao papel esencial da cidadanía para defender un proxecto único.
O foro acolle varias mesas de debate centradas no desenvolvemento da Ribeira Sacra e na súa proxección como destino turístico e cultural. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na mesa dedicada ao turismo e ao patrimonio da Ribeira Sacra, na que se abordaron retos e oportunidades para o territorio.