O Presidente e o Alcalde de Lugo entregan os diplomas do Plan Agrupado da Deputación a 18 axentes da Policía Local
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, entregaron este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos os diplomas acreditativos a 18 axentes da Policía Local da provincia que superaron o curso Fundamentos básicos de manexo de arma, tiro con baixa luminosidade e reacción sanitaria táctica como primeiro interveniente. Esta acción formativa forma parte do Plan Agrupado de Formación Continua que ofrece a institución provincial e está homologada pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
Tomé Roca felicitou aos participantes, a maioría do concello de Lugo, pero tamén de Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Vilalba. Agradeceulles o seu “compromiso co público” e o “interese individual e colectivo por seguir formándose, e desta forma, ofrecer cada vez mellores servizos á cidadanía”.
O Plan Agrupado de Formación Continua “é un bo exemplo desa ampla colaboración que a Deputación mantén cos concellos, económica, pero tamén técnica e formativa”, continuou o mandatario provincial. E explicou que as accións deste plan “atenden a materias de orde moi diverso, pero buscan un obxectivo común: contar cuns servizos públicos de calidade, modernos, que poñan no centro da súa actuación aos cidadáns, como fan os axentes que traballan na Policía Local de Lugo e de toda a provincia”.