O Presidente anuncia o inicio das obras de recuperación do Paseo do Rato cun investimento de 175.000€
“Trátase dun espazo público de grande valor ambiental, paisaxístico, educativo e social para a cidadanía de Lugo. Por iso actuamos con máxima dilixencia e responsabilidade”, subliñou o mandatario, quen avanzou que o prazo de execución é de 3 meses
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este luns o inicio das obras de restauración da contorna do Río Rato, cun investimento superior aos 175.000 euros, tras os graves danos causados pola borrasca Olivier no pasado mes de abril neste espazo natural.
Segundo explicou Tomé Roca, os traballos consistirán na recuperación das marxes do río mediante técnicas de bioenxeñería e construción de diques tradicionais, así como no recheo e adecuación do firme e do trazado dos paseos fluviais. Inclúese tamén a reposición de pontes e pasarelas de madeira afectadas. A execución correrá a cargo de TRAGSA, empresa pública e medio propio da Deputación, escollida pola súa experiencia neste tipo de intervencións e pola urxencia da actuación.
O orzamento ascende a 175.286,07 euros, con cargo ao fondo de continxencia destinado a emerxencias no orzamento provincial, e o prazo de execución previsto é de tres meses.
“Trátase dun espazo público de grande valor ambiental, paisaxístico, educativo e social para a cidadanía de Lugo. Por iso actuamos con máxima dilixencia e responsabilidade”, subliñou o mandatario. Engadiu que, tras a borrasca, a primeira medida adoptada foi a solicitude dun informe técnico ao servizo de Medio Ambiente para avaliar os danos, definir as actuacións prioritarias e solicitar os permisos pertinentes á Confederación Hidrográfica.
Entre os principais estragos detectados figuran o arrastre do firme dos camiños, das pontes e pasarelas de madeira, varandas e mobiliario urbano; a caída de muretes de pedra e escolleras que protexían as marxes; e a acumulación de terra, pedras e vexetación sobre elementos urbanos próximos ao río.
As intervencións previstas inclúen a restauración do firme estrutural dos camiños, a retirada de restos na ponte de Cestería e nas pasarelas desprazadas pola corrente, a reposición de cinco pasarelas de madeira ao longo do percorrido, así como a reparación da senda pivotada que conecta co área verde da Tolda de Castela. Tamén se reconstruirán as escolleras con técnicas naturais.
As obras
Todos os camiños do Paseo do Río Rato próximos ao río foron afectados e a Deputación de Lugo deberá empregar 1.429 m3 de xabre e 205m3 de cachote para restaurar a súa estabilidade estrutural. Reporanse ademais cinco pasarelas de madeira, varandas e valados danados pola corrente, un tramo de senda pivotada e un banco de madeira.
Concretamente, a riada levou consigo 44 metros de estruturas da valla de diferentes características, que deberán ser repostas para garantir a seguridade das persoas usuarias do paseo. E empregaranse técnicas de bioenxeñería sobre 87,5 m2 do paseo e 66 metros de escollera que permitan renaturalizar o paseo.
No que ten que ver coas pasarelas melloraranse:
• Pasarela das Casetas de madeira. Trátase dunha ponte de 7 metros de longo por 2 de ancho que está situada á altura das casetas empregadas pola Deputación de Lugo para o mantemento das zonas verdes de titularidade provincial. Terá que substituírse a súa varanda de seguridade, que foi afectada na súa totalidade.
• Pasarela de Cruce dos camiños. Mide 7 metros de lonxitude e 1,5 de ancho. Está situada nun cruce de camiños do Paseo e deberá ser renovada na súa totalidade.
• Pasarela de acceso ao Centro de Permacultura. Contaba con 6 metros de longo por 1,5 de ancho e debe substituírse a estrutura e a varanda.
• Pasarela Cascada. Trátase dunha pasarela situada próxima á cascada do Rato. Foi danada na súa estrutura de xeito total e desprazada pola riada varios metros máis abaixo. Deberá ser substituída mediante unha estrutura similar de 5 metros de longo e 1,5 metros de ancho coa súa varanda de seguridade.
• Pasarela situada antes da Cascada. Trátase dunha pasarela de madeira de 5,7 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho que foi arrincada dos seus apoios pola riada e que quedou varada río abaixo. Deberá ser substituída na súa totalidade, tanto a estrutura como a varanda.
• Senda pivotada Tolda de Castela. Na zona que conduce desde o Paseo do Rato ata a Tolda de Castela, produciuse o deterioro e varios danos estruturais sobre a plataforma de madeira pivotada. Víronse afectados 14 m2 que deberán ser substituídos.
