Éxito rotundo das actividades ambientais da Reserva Terras do Miño, que esgotaron case todas as prazas do 3º trimestre en só 30 minutos

Ademais, están abertas as inscricións para a programación da Reserva dos Ancares, con 6 propostas de educación ambiental e 95 prazas dispoñibles para todos os públicos
A programación de actividades ambientais da Reserva da Biosfera Terras do Miño para o 3º trimestre foi todo un éxito no seu primeiro día de inscricións. A Deputación de Lugo abriu esta mañá o prazo e, en tan só 30 minutos, esgotáronse case todas as prazas ofertadas. Das 80 prazas dispoñibles, actualmente só quedan libres cinco, correspondentes a unha actividade deportiva que se desenvolverá entre o 15 e o 19 de setembro no Centro de Interpretación Terras do Miño. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web da institución provincial.
A programación de actividades para a Reserva dos Ancares tamén abriu hoxe as inscricións, que inclúe 6 propostas de educación ambiental cun total de 95 prazas dispoñibles para todos os públicos, e que se desenvolverán do 25 de xullo ao 18 de outubro.
Estas actividades están pensadas para promover o coñecemento do medio natural e fomentar a educación ambiental a través de propostas gratuítas e adaptadas a diferentes públicos, combinando ocio, aprendizaxe e respecto polo entorno.
Actividades na Reserva Terras do Miño
As actividades na Reserva Terras do Miño comezarán no Centro de Interpretación Terras do Miño cunha actividade para familias con nenos e nenas que leva de título Obradoiro: Crea, Innova e Protexe. Terá lugar os días 7, 8, 9, 10 e 11 de xullo en horario de 10:00 a 14:00 horas.
No mes de setembro desenvolveranse todas as actividades ofertadas no Centro de Interpretación Terras do Miño. Do 1 ao 5 de setembro realizarase un roteiro infantil guiado pola contorna natural do río Miño. Dos días 8 ao 12 terá lugar o obradoiro Recicla e Repara: Pequenos Arranxos e Grandes Ideas; do 22 ao 26, impartirase o Curso práctico de Cultivos Hidropónicos; e os días 29 e 30 e 1, 2 e 3 de outubro, desenvolverase un taller de técnicas básicas con flores secas.
Ademais, no Centro de Interpretación Terras do Miño do 15 ao 19 setembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas, haberá unha actividade deportiva para adultos. Trátase da única actividade na reserva Terras do Miño da que quedan prazas libres.
Actividades na Reserva Os Ancares Lucenses
As actividades na Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá arrancarán o 25 de xullo en Piornedo, de Cervantes, cunha xornada de observación solar, en horario de 18:00 a 19:30 horas, e a continuación a xornada continuará cunha observación nocturna, en horario 22:45 a 00:15 horas. Hai 25 prazas para todos os públicos. No edificio de Servizos múltiples do municipio cervantego o 12 e 19 de setembro haberá un curso de ferramentas de venda online para emprendedores no rural. Será para todos os públicos, en horario de 16:00 a 21:00 horas.
Navia de Suarna acollerá o 12 de agosto en Vilaverde un obradoiro de Astronomía, en horario de 22:00 a 02:00 horas. A xornada repetirase o 18 de agosto en Vilela. Está destinado a público en xeral e hai dispoñibles 20 prazas para cada xornada. Tamén Navia, en Casa Quiñones, os días 6 e 7 de setembro terá lugar un obradoiro de técnicas de elaboración e traballo do feltro. O horario será o sábado entre as 16:00 a 20:00 horas, e o domingo de 10:00 a 14:00 horas, contando con 10 prazas destinadas a todos os públicos.
As actividades finalizarán en Becerreá cun Obradoiro de Olaría tradicional que terá lugar en dúas xornadas, o 20 de setembro e o 18 de outubro. Terán lugar en horario de 10:00 a 14:00 horas no Centro Social de Becerreá con 15 prazas dispoñibles para público en xeral. Ademais, neste municipio o día 27 de setembro desenvolverase un Curso de Orientación na Montaña, de 10:00 a 14:00 horas e haberá 15 prazas dispoñibles para adultos.
Como inscribirse
As persoas interesadas poden anotarse a través das diferentes canles dispoñibles, chamando ao número de teléfono 982.305.930 e 982.227.812, enviando un correo electrónico para as actividades que se desenvolven na Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. No caso das cinco actividades que quedan na Reserva de Terras do Miño hai un espazo virtual habilitado na páxina web da Deputación de Lugo.