A Deputación aproba as bases para a convocatoria de oito prazas de psicólogos e dous de veterinarios
No que ten que ver coa mobilidade quedou adxudicado o subministro dun camión con cisterna de emulsión asfáltica para o Parque Móbil por 165.000€ e licitada a contratación do servizo de coordinación de seguridade e saúde nas obras por 340.000€
Luz verde á adquisición de software específico para deseño técnico, arquitectura, enxeñería e construción; e deseño gráfico e asistencia técnica por máis de 100.000€
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres as bases específicas de dous procesos selectivos que convoca a institución provincial para o ingreso en 8 prazas de psicólogo e 2 de veterinario de persoal funcionario de carreira. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión semanal celebrada esta mañá.
“Hoxe aprobamos diferentes cuestións que virán mellorar a atención que desde a Deputación de Lugo prestamos ás persoas, porque son medidas relacionadas cos coidados, coa eficiencia na xestión, o aforro económico e a mellor utilización de recursos. Medidas que dan conta do noso compromiso co territorio, porque fortalecendo os servizos propios conseguimos unha institución máis próxima, eficaz e autosuficiente”, valorou o Deputado.
Explicou Rivera Capón que as prazas serán de acceso libre polo sistema de concurso-oposición. As prazas de psicólogo serán para dar servizo na rede de Centros de Atención a Maiores e as de veterinario, na Granxa Gayoso Castro.
Argumentou que o papel dos psicólogos nas residencias –a institución provincial conta cunha rede provincial de centros nos concellos de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil- “é amplo e esencial, porque son os que traballan por manter e mellorar a saúde mental, emocional e cognitiva das persoas que viven neles e tamén das súas familias; así como do persoal de profesionais que traballa neles”.
Unha figura importante na aposta da Deputación por esta rede que opera mediante un sistema “público, próximo e de calidade, que pon no centro ás persoas, facendo do benestar social e a dignidade a nosa principal prioridade”.
Na Granxa Gayoso Castro, as persoas con formación veterinaria “desempeñan un traballo multifacético, garantindo a seguridade, a formación e a innovación” nas instalacións que a Deputación de Lugo ten en Castro Riberas de Lea. Pablo Rivera explicou que estas persoas asumen funcións de dirección técnica e coordinación de actividades, de saúde e benestar animal, manexo produtivo, docencia, investigación e asesoramento técnico.
Investimentos en mobilidade
Adxudicado ademais o contrato para o subministro dun camión usado 4x2 con cisterna de emulsión asfáltica para o Parque Móbil. Merelle Maquinaria SL resultou a empresa adxudicataria, que levará a cabo este encargo nun prezo de 164.560€. “Con esta contratación renovamos a maquinaria do Parque Móbil da Deputación, que como sabedes é o encargado de boa parte das tarefas de mantemento e conservación das estradas da nosa provincia”, explicou o Deputado.
Ademais, no que ten que ver coa mobilidade; a Xunta de Goberno aprobou tamén a licitación da contratación do servizo de coordinación de seguridade e saúde nas obras da Deputación. O orzamento será de 344.036,26€ e o contrato terá unha duración de dous anos, prorrogables por outros dous, sen posibilidade de exceder os 4 anos.
Estas cuestións que afectan á mobilidade “mellorarán a autonomía operativa, a velocidade de resposta e a mellora da seguridade nas estradas optimizando os recursos dispoñibles”, valorou Pablo Rivera.
Licenzas de soporte técnico
Ademais, e xa por último, nesta Xunta de Goberno sacamos adiante a licitación para a contratación por lotes da subministración de licenzas de software técnico específico para a institución provincial. Dunha banda, o soporte informático de deseño técnico, arquitectura, enxeñería e construción; e doutra, deseño gráfico e software de asistencia técnica. O orzamento conxunto é de102.127,87€ e terá unha duración dun ano con posibilidade de dúas prórrogas, sen que a duración exceda os 3 anos. “Unha medida contribuirá á modernización administrativa, a eficiencia na xestión, e a mellor atención ao cidadán”, argumentou.