A Deputación destina 40.000€ a AELU para impulsar un programa de formación e asesoramento dirixido a mulleres empresarias
José Tomé recordou que a institución provincial mantén unha estreita colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo que leva “case corenta anos traballando na defensa e na promoción dos valores sociais e profesionais da muller empresaria
O Presidente da Deputación da Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración coa presidenta de AELU -Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo-, Anjhara Gómez Rodríguez, mediante o cal a institución provincial realiza unha achega económica de 40.000€ para apoiar o programa Galatea. Trátase dun proxecto de asesoramento que busca ofrecer a mulleres empresarias e emprendedoras da provincia obradoiros de capacitación nos que poidan adquirir novos coñecementos e habilidades relacionadas co seu desenvolvemento e capacitación profesional.
José Tomé Roca recordou que a institución provincial mantén unha estreita colaboración con esta entidade sen ánimo de lucro que leva “case corenta anos traballando na defensa e na promoción dos valores sociais e profesionais da muller empresaria. Por iso, colaboramos non só co programa Galatea, senón tamén con outras moitas iniciativas coas que apoiamos conxuntamente o tecido produtivo da provincia e impulsamos o emprendemento feminino”.
Co proxecto Galatea, que se realizará de setembro a decembro, levaranse a cabo actividades de asesoramento e formacións específicas que poderán ser individuais ou en grupos reducidos. As participantes poderán informarse sobre cuestións relacionadas coa marca persoal e a comunicación dixital; a planificación financeira; a conciliación e a xestión do tempo; ou en aspectos xurídicos e fiscais, así como noutros temas do seu interese.
Ademais, esta iniciativa tamén inclúe formacións sobre competencias dixitais para a comunicación empresarial, obradoiros de coaching para contextos empresariais e emprendedores, talleres de xestión do estrés e do equilibrio entre o persoal e o profesional, actividades de benestar ou obradoiros de creatividade.