Deputación de Lugo

A Deputación fixo posible con 12.000€ que a ANPA do Colexio de Educación Especial Santa María de Lugo facilitara a conciliación das familias durante o verán

JOSE TOMÉ
ANPA
O Presidente vén de asinar un acordo de colaboración coa máxima representante desta entidade para apoiar o programa Nós tamén xogamos, unha iniciativa na que se realizaron unha serie de campamentos urbanos do 23 de xuño ao 24 de xullo

“Cando os nenos e nenas rematan o colexio moitas familias teñen que facer fronte a unha serie de dificultades en materia de conciliación. Esta colaboración permitiu queos pais compaxinaran as súas vidas profesionais e persoais coa crianza dos seus fillos”, detallou Tomé Roca

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a máxima representante do ANPA do Colexio de Educación Especial, Mª de los Ángeles Fernández Núñez, veñen de asinar, na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, un convenio de colaboración mediante o que a institución provincial realiza unha achega económica a esta entidade de 12.000€ para apoiar o programa Nós tamén xogamos. Esta iniciativa incluíu unha serie de campamentos urbanos que se realizaron do 23 de xuño ao 24 de xullo co obxectivo de facilitar a conciliación das familias durante a época estival. 

José Tomé valorou moi positivamente esta programaciónporque “cando os nenos e nenas rematan o colexio moitas familias teñen que facer fronte a unha serie de dificultades en materia de conciliación. Esta colaboración permitiu que as familias puideran compaxinar as súas vidas profesionais e persoais coa crianza dos seus fillos, unha necesidade real da que somos plenamente conscientes na Deputación de Lugo e por iso apoiamos iniciativas coma esta”.  

Nesta programación participaron nenas e nenos a partir dos 3 anos de idade e realizaron actividades coas que favoreceron a súa autonomía persoal, desenvolveron habilidades sociais para relacionarse de xeito igualitario, abordaron a imaxinación e a creatividade e aprenderon a traballar en grupo. Ademais, moitas destas propostas baseáronse no xogo, en dinámicas e técnicas de animación como ferramentas fundamentais para que os cativos e cativas participantes puideran aprender dun xeito lúdico.