A Deputación destina 480.000€ para a mellora de infraestruturas e servizos municipais en Meira
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde do Concello de Meira, Antonio de Dios Álvarez, veñen de asinar un convenio de colaboración entre ambas entidades que ascende a 480.000€ para desenvolver diferentes actuacións que beneficiarán directamente á veciñanza deste municipio da comarca da Terra Chá.
Sinalou o mandatario provincial que con este acordo, a institución provincial dá conta do seu compromiso coa cooperación cos concellos da provincia, “para que poidan ofrecer máis e mellores servizos, e contribuír a fixar poboación no rural”.
Entre as actuacións que se poderán desenvolver grazas a este convenio destacan:
- Mobilidade e accesos: este acordo inclúe a mellora de camiños municipais nos lugares de Pedregal, Granda e Pena e a mellora do asfalto nos núcleos de Valiña, Paredes, Casanova, Cruz da Arqueira, Pumarega; así como na zona do Polígono Industrial e na rúa que dá acceso ao cuartel. Ademais, contempla a mellora da vía que dá acceso ao lugar do Val de Cal desde Leiras, concretamente, na ponte sobre o rego Porto da Pena.
- Abastecemento e saneamento: tamén vaise reforzar o pozo do lugar de Casasnovas e repoñer os do cruce cemiterio vello e o da senda do Río Barxa; arranxarse a evacuación de augas da Praza da Igrexa e unha fuga de auga na Avenida de Lugo. Así mesmo, grazas a este acordo, mellorarase a recollida de augas pluviais no final da rúa da Cerca, así como a reposición dos sumidoiros de granito na Praza do Concello.
- Espazos públicos: na Praza do Convento vanse arranxar as baldosas, os danos das plaquetas levantadas e reporanse as tapas das beirarrúas.
- Seguridade e servizos: construción dunha plataforma de formigón na zona de Casas Novas co fin de facilitar o manexo dos contedores; colocación de bandas rugosas no lugar de Irimia Alta para mellorar a seguridade dos condutores; a construción dunha beirarrúa en Carballous; a instalación da canalización de auga en Sebedeabades; e a instalación dun cadro eléctrico na Campa do Plantío, que, actualmente, conta con iluminación, pero carece dun cadro para desenvolver algunha actividade puntual que precise enerxía eléctrica.