Deputación de Lugo

O Presidente clausura na Fonsagrada o primeiro Congreso sobre o aproveitamento dos encoros como recurso turístico

JOSE TOMÉ
CONGRESO
Turembalses
encoro
José Tomé Roca despediu xunto ao Alcalde da Montaña dúas xornadas de reflexión e debate con expertos internacionais que analizaron as posibilidades dos encoros como “verdadeiros motores de desenvolvemento sostible, innovación e cohesión territorial”

“Que en 2026 a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade sería tamén un impulso extraordinario para consolidar o turismo de embalses e amosar ao mundo que aquí sabemos unir o sostible co patrimonio e a innovación”, valorou Tomé Roca

O Salón de Actos dos Chaos acolleu esta mañá tres mesas redondas: unha sobre a gobernanza na xestión turística das presas; outra sobre a dixitalización para a mellora da calidade dos servizos, e outra sobre a sustentabilidade deste tipo de turismo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, clausurou na Fonsagrada xunto ao Alcalde deste municipio da Montaña e Deputado provincial, Carlos López López, o I Congreso de Encoros de España que se celebrou estes días no Salón de Actos dos Chaos. Con máis de medio cento de participantes, entre inscritos e poñentes, o encontro serviu para analizar as posibilidades dos encoros como “verdadeiros motores de desenvolvemento sostible, innovación e cohesión territorial”.


“Este congreso naceu coa ambición de mirar máis alá do presente, de imaxinar como os nosos embalses poden ser moito máis que infraestruturas hidráulicas”, argumentou Tomé Roca, quen engadiu que “despois de dous días de reflexión e debate, podemos dicir con orgullo que ese camiño xa comezou”. Puxo en valor que na provincia de Lugo a natureza e a man do home “dialogan desde fai séculos” e que nese sentido os encoros reflexan tanto a memoria do pasado como as oportunidades do futuro.


Que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade no 2026 “sería un recoñecemento merecido á beleza, á historia e ao traballo de xeracións que souberon coidar esta terra. Pero tamén porque sería un impulso extraordinario para consolidar o turismo de embalses e para amosar ao mundo que aquí, en Galicia e en toda España, sabemos unir sustentabilidade, patrimonio e innovación”, valorou o Presidente.


Destacou José Tomé que este congreso “é só o primeiro chanzo”, que “virán máis edicións, máis ideas e máis proxectos compartidos” e despediuse agradecendo aos participantes e poñentes a súa aportación a esta primeira experiencia en torno ás presas como recursos turístico.


O Salón de Actos dos Chaos acolleu esta mañá tamén tres mesas redondas, unha sobre gobernanza na xestión turística das presas, outra sobre a sustentabilidade deste tipo de turismo e outra sobre a dixitalización para a mellora da calidade dos servizos. Nesta última actuou como moderadora a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen defendeu que a dixitalización non só é tecnoloxía, “é calidade, sustentabilidade e competitividade”.


Territorios conectados, dixitalizados e preparados

“Hoxe un visitante descobre un destino en Instagram, reserva aloxamento online, planifica rutas en Google Maps e comparte a experiencia en redes. E para que todo iso funcione necesitamos que os nosos territorios estean conectados, dixitalizados e preparados”, destacou. Nese sentido, argumentou García Porto que a Deputación impulsa “iniciativas para dixitalizar pemes e negocios turísticos, para que poidan ter máis menús en QR, guías audiovisuais ou sistemas de reservas online”. 


Defendeu tamén que para que todo iso funcione é necesario unha mellor cobertura do territorio, porque “de nada sirve encontrar o destino na rede si, ao chegar, non hai conexión para reservar unha mesa ou seguir unha ruta de sendeirismo”.