Deputación de Lugo

A Deputación participa en Ribadeo na apertura do 20 aniversario das xornadas Mar por Medio

Xornadas Mar por Medio
O Deputado de Recursos Sostibles sinalou no acto de benvida que “celebramos vinte anos dun encontro que converteu A Mariña nun lugar de referencia para reflexionar sobre o Camiño de Santiago, sobre a súa historia, a súa dimensión cultural e espiritual”

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este venres no acto de benvida das XX Xornadas Mar por Medio de Ribadeo. A cita, organizada pola Academia Xacobea co obxectivo de reflexionar sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo, desenvólvese entre hoxe e o domingo, 21 de setembro, baixo o título Ribadeo, encontro de Camiños.

“Celebramos vinte anos dun encontro que, grazas á visión pioneira do hispanista británico John Rutherford, converteu a Mariña nun lugar de referencia para reflexionar sobre o Camiño de Santiago, sobre a súa historia, a súa dimensión cultural e espiritual, pero tamén sobre o seu papel como espazo de encontro entre persoas, institucións e territorios”, explicou Cajoto Caserío.

Expuxo o Deputado que con vistas ao seguinte Ano Santo, en 2027, “é o momento de planificar e colaborar para chegar preparados a esa cita. Temos dous anos decisivos para avanzar en proxectos, en ideas e en compromisos que permitan que o Camiño de Santiago siga sendo un referente mundial tamén no futuro”. Nese sentido puxo en valor a provincia de Lugo como “unha auténtica terra de peregrinos” polos seus 800 quilómetros de rutas xacobeas, unha “ferramenta” para promover un turismo sostible.

Na cita, que tivo lugar na Sala de Alcaldes da Casa Consistorial de Ribadeo participaron, entre outras autoridades, o Rexedor do municipio mariñán, Daniel Veiga, o Reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e a Viceconselleirade Turismo do Principado de Asturias, Lara Martínez.

O programa completarase mañá coa mesa redonda Galicia e Asturias unidas no Camiño; a conferencia De que falamos cando falamos de Mar por Medio e unha actuación da Coral Polifónica; o domingo a ruta cultural Tras os pasos da Orde Franciscana porán fin a edición deste espazo de debate e de fomento da cultura en torno ao Camiño.