O Presidente asina un acordo coa Policía Nacional de Lugo para colaborar cos actos do Día dos Santos Anxos Custodios que se celebran este venres
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o representante da Comisaría de Policía en Lugo, Luís Miguel Romera Pérez, veñen de asinar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración mediante o que a institución provincial achega 2.250€ a esta entidade para colaborar cos actos do Día dos Santos Custodios, patroa da Policía Nacional, que se festexará este venres.
O mandatario provincial recalcou que “colaboramos coa Policía Nacional na celebración da súa patroa, porque supón recoñecer o importante labor que realizan na defensa da seguridade e dos dereitos da cidadanía. Con este acordo, desde a Deputación de Lugo contribuímos a poñer en valor unha festividade que visibiliza o compromiso, a entrega e o sacrificio dos homes e mulleres que integran este Corpo”.
Así mesmo, Tomé Roca subliñou que “a cooperación institucional é fundamental para seguir construíndo unha provincia máis segura e os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado desempeñan un papel primordial para conseguilo”.
A celebración do Día dos Santos Anxos Custodios terá lugar este venres, 3 de outubro. A programación dará comezo ás 11:00 horas cunha misa no Altar Maior da Catedral de Lugo e ás 12:30 horas celebrarase no Auditorio Fuxan os Ventos o acto de imposición de condecoracións ao mérito policial. Por último, a xornada rematará cunha degustación de produtos típicos da provincia de Lugo.