Deputación de Lugo

O Presidente asina un acordo coa Policía Nacional de Lugo para colaborar cos actos do Día dos Santos Anxos Custodios que se celebran este venres

José Tomé Roca
policía nacional
Sinatura convenio Policía
A Deputación apoia a programación da festividade da patroa da Policía Nacional que se desenvolverá na Catedral de Lugo e no Auditorio Municipal Fuxan Os Ventos onde se imporán condecoracións ao mérito policial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o representante da Comisaría de Policía en Lugo, Luís Miguel Romera Pérez, veñen de asinar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración mediante o que a institución provincial achega 2.250€ a esta entidade para colaborar cos actos do Día dos Santos Custodios, patroa da Policía Nacional, que se festexará este venres.

O mandatario provincial recalcou que “colaboramos coa Policía Nacional na celebración da súa patroa, porque supón recoñecer o importante labor que realizan na defensa da seguridade e dos dereitos da cidadanía. Con este acordo, desde a Deputación de Lugo contribuímos a poñer en valor unha festividade que visibiliza o compromiso, a entrega e o sacrificio dos homes e mulleres que integran este Corpo”.

Así mesmo, Tomé Roca subliñou que “a cooperación institucional é fundamental para seguir construíndo unha provincia máis segura e os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado desempeñan un papel primordial para conseguilo”. 

A celebración do Día dos Santos Anxos Custodios terá lugar este venres, 3 de outubro. A programación dará comezo ás 11:00 horas cunha misa no Altar Maior da Catedral de Lugo e ás 12:30 horas celebrarase no Auditorio Fuxan os Ventos o acto de imposición de condecoracións ao mérito policial. Por último, a xornada rematará cunha degustación de produtos típicos da provincia de Lugo.