Deputación de Lugo
Economía
Turismo

A Deputación pon en valor no Courel o ecoturismo como motor de desenvolvemento sostible na provincia

Pilar García Porto
Folgoso do Courel
ecoturismo
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou na Estación Científica courelá na inauguración das Xornadas Técnicas de Ecoturismo, que reúnen ata o domingo a unha vintena de expertos,administracións e entidades locais para avanzar nun modelo turístico sostible

Pilar García Porto destacou que a Deputación apoia este foro “porque temos claro que o turismo é unha ferramenta estratéxica para o desenvolvemento económico e cultural da provincia, e que contribúe a fixar poboación no rural”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no acto de inauguración das xornadas técnicas Ecoturismo en Ancares-Courel: experiencias e reflexións para o desenvolvemento rural, que se celebrarán desde hoxe e ata o domingo 4 de outubro na Estación Científica do Courel.Un encontro que reúne, desde hoxe e ata o domingo 4 de outubro, a preto dunha vintena de expertos, administracións e entidades locais para avanzar nun modelo turístico sostible que poña en valor a riqueza natural e cultural da provincia.

Pilar García Porto puxo en valor este foro que apoiamos dende a Deputación porque “temos claro que o turismo é unha ferramenta estratéxica para o desenvolvemento da nosa provincia”. Engadiu ademais a Deputada que “non se trata de atraer só visitantes, senón de facelo dunha maneira respectuosa co medio ambiente, que xere oportunidades económicas, que contribúa a fixar poboación no rural e que poña en valor o noso patrimonio natural e cultural”.

As xornadas, que se celebran nun dos enclaves de maior biodiversidade de Galicia, teñen como obxectivo compartir coñecemento científico, impulsar unha xestión sostible do monte e promover iniciativas turísticas que dean resposta aos retos do rural. “Sodes o mellor exemplo de como o turismo pode ser motor de desenvolvemento e de orgullo polo noso territorio”, declarou García Porto,quen destacou o papel das asociacións, empresas e persoas emprendedoras que están a transformar os recursos naturais en experiencias turísticas auténticas.

Proxecto CAPRIF-CC

As Xornadas Técnicas Ecoturismo en Ancares-Courel: experiencias e reflexións para o desenvolvemento rural forma parte do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático(CAPRIF-CC), impulsado pola Fundación Juana de Vega, aFundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER),aFundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea con fondos NextGenerationEU.

Programa das xornadas

Xoves 2 de outubro

•    11:00 h – Presentación “Destino Ancares-Courel” con Marcos Reinoso (AGCT).
•    12:00 h – Panel “Ecoturismo e valorización dos recursos locais” con InêsGusman (Fundación CEER), Ana Llano (Asociación de Ecoturismo en España), Manuel Vázquez Torrón (Asociación de Desenvolvemento Serra do Courel), Roberto Castro (Xeoparque Montañas do Courel) e Fe Álvarez (Xeodestino Ancares Terras de Burón).
•    16:30 h – Panel “A visión do territorio como escenario de oportunidade para o desenvolvemento”, moderado por Francisco García (Fundación Juana de Vega), con Rubén Lois (IDEGA, USC), Jorge Vega (UNED Ponferrada), JorgeCaleya (Zwift Project) e Francisco Magide (GDR Sil, Bibei, Navea).

Venres 3 de outubro


•    9:30 h – Panel “Persoas e recursos, as claves para o deseño de experiencias turísticas”, moderado por Ana Llano. Participan Lola Pérez (Piornedo Anda), MartinaFerradás e Xabier Blanco (Fundación LEGAR), JimenaSantalices (Cabanas de Ancares) e Guillermo Díaz (Coureleando).
•    12:00 h – Dinámica participativa da Fundación Juana de Vega.
•    16:30 h – Visita á Fundación Novoneyra e percorrido polo Souto da Ruibal.
Sábado 4 de outubro
•    10:45 h – Experiencia turística sostenible“O souto, centro de vida” coas explicacións da Sociedade Micolóxica Lucus.
•    16:30 h – Ruta “Quilómetro da biodiversidade”, coordinada por Coureleando, con demostración do uso da appiNaturalist para ciencia cidadá.