Deputación de Lugo

O Presidente recibe en San Marcos á delegación do Foro Executivo Corredor Galicia & Asia 2025

José Tomé Roca
Pablo Rivera Capón
José Tomé destacou que este foro sitúa a Lugo como “un punto de encontro internacional para o intercambio empresarial e académico”, subliñando a importancia de reforzar a cooperación entre Galicia e Asia

Durante a recepción, o mandatario provincial tamén compartiu cos participantes proxectos que se están a desenvolver desde a Deputación, destacando o traballo na Granxa Gayoso Castro e da rede provincial de residencias

O  Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este xoves no Pazo de San Marcos, xunto a un dos membros da directiva da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e da Cámara de Comercio de Lugo, Carlos Cebrián Escobar, e o Presidente de Prorural Galicia, José María López Bourio, á delegación asiática participante no Foro Executivo Corredor Galicia & Asia 2025, que se celebra mañá no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. 

O Presidente, acompañado tamén polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón,destacou que este foro sitúa a Lugo como “un punto de encontro internacional para o intercambio empresarial e académico”, e subliñou a importancia de reforzar a cooperación entre Galicia e Asia. “En Lugo temos un tecido empresarial dinámico, con talento e con ganas de medrar. Por iso, é fundamental que as nosas empresas e asociacións establezan relacións con empresarios doutros países”, subliñou.

José Tomé engadiu que a Deputación mantén unha estreita colaboración con entidades como a CEL, a hostalaría ou o comercio, promovendo convenios que inclúen accións de internacionalización, “unha parte importante deses acordos é precisamente apoiar ás empresas lucenses para que poidan exportar os seus produtos e servizos, dar a coñecer o que se fai aquí e conectar con novos mercados”, explicou.

“Este foro é unha oportunidade real para tecer lazos comerciais e de cooperación. O contacto cos empresarios asiáticos permite abrir portas a novas formas de colaboración, tanto para exportar como para atraer investimento. E iso, en definitiva, repercute no crecemento da economía de Lugo e do conxunto da provincia”, concluíu o mandatario provincial. 

Durante a recepción, José Tomé tamén compartiu cos participantes proxectos que se están a desenvolver desde a Deputación en apoio ao sector primario, destacando o traballo na Granxa Gayoso Castro e poñendo de relevo a colaboración coa USC a través da Granxa Experimental de Leite. Ao mesmo tempo, subliñou o compromiso da institución provincial coas políticas sociais, e especialmente cos maiores da provincia a través da rede provincial de residencias. Ao remate, agradeceullea a visita á sede provincial e fíxolleaentrega como agasallo institucional dun exemplar do libro Proxectos para o Hospital Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo.

Os representantes asiáticos que integran a delegación está composta por representantes de alto nivel de institucións empresariais, académicas e científicas do  Xapón e da China.Entre eles, o Presidente da Asociación promotora do foro Asia-China para a Cooperación e o Desenvolvemento Internacional AACCDI, Juan Fang (Zhi Yuan Fang Chen), o Presidente da Asociación de Investigación Antienvellecemento de Guangdong (China), profesor da Facultade de Medicina da Universidade de Jinan e xefe de Medicina Interna do Hospital Afiliado, Yan Qunchao; o Director de Finanzas (CFO) da Asociación de InstitucionesMédicas Avanzadas de Xapón, Kudo Tokuro; a Experta do Comité Estratéxico da Asociación de Investigación anti-envellecemento de Guangdong e xerente xeral de GuangdongTecnoloxía farmacéutica Hongyun de  China, Zhang Jing.

 

Unha ponte estratéxica entre Galicia e Asia

 

O Foro Executivo Corredor Galicia & Asia 2025 arrincará este venres, ás 9 da mañá, e céntrase en tres áreas estratéxicas: saúde, alimentación e envellecemento. O encontro reunirá empresas e investigadores de diversos sectores, entre eles innovación, sustentabilidade, benestar social e desenvolvemento territorial.

O foro está promovido pola Asociación Asia-China para a Cooperación e o Desenvolvemento Internacional (AACCDI) e organizado por Prorural Galicia, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Conta, ademais, co apoio institucional da Deputación Provincial de Lugo, do Concello de Lugo e da Xunta de Galicia.