A Deputación colabora co Día do Veciño, que distingue este domingo a 22 persoas e colectivos da provincia
Este encontro conta cunha achega económica da institución provincial de 18.000€, que financiarán unha celebración multitudinaria onde se recoñecerá un ano máis o labor daqueles que destacan pola dinamización e promoción do territorio
Rivera Capón subliñou que a colaboración co movemento veciñal baséase na importancia da súa forza “para facer provincia desde a participación” e pola “inspiración para defender os dereitos, garantir servizos públicos e apostar por un rural vivo”
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na Praza de San Marcos na presentación da 23ª edición do Día do Veciño que se celebrará este domingo, 19 de outubro, baixo o lema Deixar de loitar é deixar de soñar. A cita conta un ano máis cunha achega da Deputación de Lugo de 18.000€ e está previsto que reúna no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a uns 5.000 veciños e veciñas da provincia.
Participaron tamén no acto desta mañá o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, e a Concelleira da Área de Cohesión Territorial do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, entre outras autoridades. Ademais a presentación estivo amenizada por unha banda de música tradicional e arroupada por preto de medio cento de membros do colectivo organizador.
Rivera Capón destacou que “esta é unha cita que xa forma parte da identidade da provincia” e puxo en valor que o territorio estea cheo “de xente comprometida; de persoas que cren que mellorar o lugar onde viven tamén é mellorar a provincia enteira”. Nese sentido subliñou que “o movemento veciñal é, sen dúbida, unha das grandes fortalezas da provincia”.
“O Día do Veciño é tamén unha festa de convivencia, un espazo onde todos e todas somos iguais, sen diferenzas entre o rural e a cidade, entre xeracións ou ideoloxías”, engadiu o Deputado, para quen o espírito veciñal “inspira o traballo da Deputación de Lugo: defender os dereitos de todas as persoas, garantir os servizos públicos de calidade e apostar por un rural vivo, con oportunidades e con futuro”.
V de Veciño
No Día do Veciño 2025 farase entrega das 22 V de Veciño, uns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñece o labor dun total de 22 persoas e entidades que destacan por desempeñar un papel protagonista en favor da dinamización e promoción da súa comarca e, polo tanto, da provincia. Este ano serán galardoados:
• Roberto García González. Secretario xeral de Unións Agrarias
• Jaime Luis López Vázquez. Secretario xeral da Confederación de Empresarios e Presidente da Cámara de Comercio de Lugo
• Francisco Javier Neira Pampín. Urólogo
• Fernando Timiraos Carrasco. Traballador Municipal do Servicio de Deportes
• Lorenzo Armenteros del Olmo. Facultativo Especialista de Área de Medicina Familiar y Comunitaria
• María Luisa López Díaz. Secretaria Asociación de Veciños de San Lázaro
• Gonzalo Rodríguez Ferreiro. Presidente Asociación Veciños Xente de Xustás, Cospeito
• Alicia Carballedo. Directora Radio Lugo Cadena Ser
• José Ramón Latas Veiga. Plataforma Lugo Non Quere Cheiros
• Vocalía de la Mujer de la Federación de Asociaciones Vecinales de la zona Urbana de Gijón
• Asociación de Veciños de Bacoy (Alfoz)
• Elena Espinosa Mangana. Deputada do Parlamento de Galicia
• José Rodríguez Rodríguez, José do Fondal. Veciño de Galegos
• Antonio González Chaín. Coordinador Xefe de Prevención de Riscos Laborais da Deputación Provincial de Lugo
• José Espin Mejía. Exalcalde das Nogais
• María Martínez Guntín. Delegada de La Voz de Galicia en Lugo
• Olimpia López Rodríguez. Subdelegada do Goberno na provincia de Lugo
• GAC - GRUPO DE AXUDA A CARMEN
• Alejandro Jesús Calvo Rodríguez. Consejero de Movilidad, Medio Ambiente y Gestión de Emergencias del Principado de Asturias
• ASOCIACIÓN VECINAL SANTA EUFEMIA DE LEMOS(MONFORTE DE LEMOS)
• BOMBEIROS FORESTAIS
• César Murias Pérez. Enxeñeiro