O Presidente destaca que o Centro de Innovación Territorial vertebrará as políticas provinciais relacionadas co reto demográfico

Destacou o mandatario provincial que “o noso compromiso é converter a innovación e a sustentabilidade no motor dun desenvolvemento próspero, demostrando que a loita contra o cambio climático é tamén a mellor política para frear o despoboamento”
A Deputación de Lugo acollerá este espazo que “representa unha aportación concreta ao Pacto de Estado fronte á emerxencia climática e un exemplo de como as políticas nacionais cobran sentido cando se concretan en proxectos reais no territorio”
Na convención sobre o cambio climático, reto demográfico e mundo rural participaron ademais a Vicepresidenta Terceira do Goberno, o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Ministro do Interior e a Ministra de Ciencia, Innovación e Universidades
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este luns nunha das mesas de debate da convención Por un Pacto de Estado fronte á emerxencia climática que se está a celebrar estes días en Ponferrada. Na cita participaron ademais a Vicepresidenta Terceira do Goberno e Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Sara Aagesen; o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas; o Ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska; e a Ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant.
“Na provincia de Lugo sabemos ben que o futuro dos nosos pobos depende, en boa medida, da nosa capacidade para converter a sustentabilidade nunha oportunidade de desenvolvemento”, explicou o mandatario provincial no encontro que tivo lugar ao mediodía Cambio climático. Reto demográfico e mundo rural. Sinalou que o convenio de colaboración para a creación dun Centro de Innovación Territorial (CIT) en Lugo, “intégranos na rede e establece un marco estable de colaboración público-privada para mobilizar financiación, coñecemento e innovación” e que o seu obxectivo será “dinamizar a economía local, xerar emprego e fixar poboación, conectando o territorio coas universidades, centros de investigación e empresas”.
Tomé Roca sinalou que o CIT de Lugo “nace cunha vocación clara: ser un punto de encontro, un espazo de coordinación e de impulso para todas as políticas e proxectos que a Deputación de Lugo vén desenvolvendo en favor do territorio e da súa xente”.
Nese sentido sinalou que “queremos que o CIT de Lugo actúe como unha plataforma de sinerxías, integrando iniciativas que xa están en marcha –como a rede pública de residencias de maiores no rural, o Plan de Cooperación cos Concellos, a Granxa Gayoso Castro ou os programas de emprendemento e formación-, dándolles unha visión común e un horizonte de innovación”.
Avanzou que no sector agrogandeiro, onde Lugo ten “un liderado claro”, “traballaremos para acompañar as cooperativas e pequenas explotacións na transición cara modelos máis eficientes e circulares, incorporando tecnoloxía, coñecemento e sustentabilidade”. “O noso compromiso é converter a innovación e a sustentabilidade no motor dun desenvolvemento próspero, demostrando que a loita contra o cambio climático é tamén a mellor política para frear o despoboamento”, engadiu.
O Centro de Innovación Territorial de Lugo representa, en palabras do Presidente, “unha aportación concreta ao Pacto de Estado fronte a emerxencia climática, e un exemplo de como as políticas nacionais cobran sentido cando se concretan en proxectos reais no territorio”.
A xornada deste luns continúa esta tarde con dúas mesas redondas sobre os Traballos da Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Congreso e Diálogo social como ámbito de acordos para unha economía e sociedade máis resiliente. Ademais, haberá ágoras para municipios e empresas; presentación das conclusións do día e actividades culturais. A convención concluirá mañá, nunha xornada con novas mesas redondas e espazos de debate sobre a resposta das Administracións ante as emerxencias, resiliencia hídrica ou da adaptación do sector primario fronte ao cambio climático.