A Deputación destina máis de 135.000€ para mellorar a rede viaria de Conforto, na Pontenova
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde do Concello da Pontenova, Darío Campos Conde, veñen de asinar un convenio de colaboración na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos mediante o que a institución provincial realiza unha achega económica de 137.151€ a este municipio para acondicionar a rede viaria da parroquia de Santa María de Conforto.
O mandatario provincial avanzou que “continuamos colaborando cos concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. En canto a este acordo, José Tomé destacou que “damos resposta a un dos grandes desafíos que ten esta parroquia do rural: a accesibilidade e a mellora das comunicacións, unha cuestión fundamental para garantir a calidade de vida da veciñanza”.
Así mesmo, o máximo representante da institución provincial puxo en valor que este investimento é un exemplo máis do compromiso que mantemos desde a Deputación co rural da provincia. Acondicionando as comunicacións locais contribuímos tamén a potenciar o turismo ou a actividade hostaleira”, concluíu.
O convenio permitirá renovar esta vía -de titularidade municipal- que conecta a estrada provincial LU-P-4809 coa Ermida de San Antonio e que, ademais, dá servizo directo a un establecemento hostaleiro e varias vivendas. As obras que se van realizar consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e, unha vez finalizado o firme, procederase a instalar a sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas.