Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Economía
Emprego

O Presidente entrega o gran premio de 2.500€ da campaña Volta ao Cole que mobilizou arredor de 800.000€ na provincia

JOSE TOMÉ
sorteo
campaña
Federación de Comercio
José Tomé presidiu xunto ao Alcalde de Lugo e o Presidente da Federación de Comercio o sorteo que congregou na tarde deste xoves a decenas de persoas, a alcaldes e alcaldesas e comerciantes de toda a provincia na Praza de San Marcos

No acto, entregáronse tamén 22.500€, repartidos en 90 bonos de 250€, aos agraciados nesta iniciativa promovida durante o mes de setembro, co fin de apoiar a economía familiar e fortalecer o comercio local

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, entregaron este xoves pola tarde o gran premio de 2.500€ no marco da campaña de bonos Volta ao Cole, unha iniciativa promovida pola Federación de Comercio e financiada con 50.000€ pola Deputación, co obxectivo de apoiar a economía familiar e fortalecer o comercio de proximidade. 

“Falamos dun sector que representa máis do 26% do tecido empresarial da provincia, con máis de 9.400 negocios, a maioría pequenos establecementos que dan traballo, servizo e identidade aos nosos concellos”, avanzou durante o acto José Tomé. Destacou ademais que a campaña rexistrou preto de 25.000 tickets de compra entre o 1 de setembro e o 2 de outubro, o que supón un volume total de negocio de 800.000€, polo que segundo subliñou o mandatario provincial, “cada euro investido neste programa reverte en toda a provincia”. 

O sorteo celebrouse en directo na Praza de San Marcos e congregou a decenas de persoas, a alcaldes e alcaldesas, e representantes de asociacións comercias de Concellos de toda a provincia. Tamén asistiron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Subdelegada do Goberno en Galicia, Olimpia Rodríguez, e a Directora Territorial de ABANCA, Zaira Dapena.

O gañador do gran premio foi para a José Ramón Vázquez Río, veciño do concello de de Rábade, quen poderá gastar os 2.500€ nunha única xornada de compras, realizando compras nun mínimo de 10 negocios distintos, cun gasto mínimo de 100€ en cada un. 

Durante o evento, as autoridades presentes fixeron entrega tamén de 22.500€, repartidos en 90 bonos de 250€, aos agraciados que resultaron premiados no sorteo ante notario realizado na sede provincial a principios deste mes. 

O Presidente agradeceu aos participantes a súa implicación na iniciativa e felicitou aos premiados, animándoos “a seguir apostando polo comercio de proximidade, porque cando mercamos no barrio, facemos provincia, apoiamos o emprego, dinamizamos a economía e reforzamos o que somos”. 

Pola súa banda, o Presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, destacou que setembro é un dos meses máis gravosos para as economías familiares, debido a gastos en libros, material escolar, roupa, calzado e complementos. Neste contexto, subliñou que a campaña buscaba canalizar este consumo cara ao comercio local, promovendo así riqueza e vida económica na provincia. A participación, cun total de preto de 25.000 tickets, amosa que parte do obxectivo foi acadada, xunto coa destacable repercusión económica mobilizando arredor de 800.000€ en vendas. O importe total da campaña ascendeu a preto de 53.000€.