Deputación de Lugo

O Pleno acorda ampliar a vixencia dos convenios da rede de residencias da Deputación ata 2026 para garantir a continuidade do servizo

centros de atención a maiores
Aprobada a segunda addenda para estender os efectos económicos dos acordos específicos cos 9 centros ata xuño de 2026, mantendo así a estabilidade das prestacións asistenciais e permitindo ademais planificar o gasto con previsión

O Deputado de Promoción Económica e Social explicou que “estamos a falar de máis de 5,1M€ para asegurar que as residencias de Castroverde, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribadeo, Ribas de Sil, Trabada e Meira sigan abertas”

O Pleno da Deputación acordou este martes aprobar as addendas de ampliación dos convenios marco e específicos da rede de residencias provinciais, co obxectivo de estender os seus efectos económicos ata xuño do 2026. Unha medida que garante a continuidade deste servizo e mantén a estabilidade nas prestacións asistenciais ás persoas da provincia. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que “estamos a falar de máis de 5,1M€ para asegurar que as residencias de Castroverde, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribadeo, Ribas de Sil, Trabada e Meira sigan abertas”.
    
Este acordo permitirá á Deputación de Lugo e aos concellos traballar no novo marco xurídico sobre o que se sostén o modelo provincial de Centros de Atención a Maiores da institución -que haberá que renovar o ano que vén- sen afectar ás persoas usuarias nin aos municipios nos que se sitúan. Concretamente, estas addendas de ampliación evitan que os convenios queden sen cobertura económica antes de tempo, manteñen a estabilidade e a continuidade do servizo asistencial e permiten planificar o gasto con previsión, sen modificar as condicións esenciais xa acordadas no 2018.

“Falamos de garantir o funcionamento de 9 residencias de maiores que temos en funcionamento nos nosos concellos, que son seguridade para as familias, emprego para o rural e, sobre todo, dignidade para as persoas maiores”, valorou Rivera Capón. Reprochou a falta de compromiso da Xunta de Galicia coa veciñanza da provincia e sinalou que a pesar de ser a Administración coas competencias “a súa política de residencias en Lugo é inexistente”. Nese sentido, destacou que non teñen nin un só proxecto novo en marcha a pesar da situación de sobreenvellecemento da poboación no territorio.

A medida saíu adiante grazas aos votos do PSdeG e o BNG e coa abstención do PPdeG.

Un modelo 100% público e de calidade

O modelo asistencial da Deputación é 100% público, sen ánimo de lucro, e distínguese pola súa aposta pola atención personalizada e polo benestar das persoas maiores. A diferencia doutros modelos privados, o sistema da institución lucense non busca rendibilidade económica, senón que inviste na mellora da calidade de vida e no benestar dos usuarios. Isto tamén supón unha importante creación de emprego local, contribuíndo ao desenvolvemento económico das zonas rurais.

Este modelo tamén garante a igualdade de acceso aos servizos, independentemente da
situación económica de cada usuario, e ten un forte impacto social, creando máis de 225 postos de traballo directos e mellorando a vida de máis de 300 veciños da provincia que residen nos centros provinciais.