Deputación de Lugo

O Presidente abre as Xornadas Penitenciarias Lucenses subliñando a importancia da prevención e o acompañamento na adolescencia

José Tomé Roca
xornadas penitenciarias concepcion arenal
José Tomé deu a benvida no Pazo de San Marcos aos asistentes da 39ª edición deste encontro de referencia, no que tamén se fixo entrega das medallas de recoñecemento a institucións, ONGs e profesionais polo seu labor humanitario e de reinserción social

O mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación co colectivo Concepción Arenal e puxo en valor o carácter interdisciplinar deste foro, porque “só desde a comprensión profunda do ser humano é posible intervir con intelixencia, eficacia e humanidade”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu este martes no Pazo de San Marcos a 39ª edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, un foro de referencia e consolidado como espazo de reflexión, pensamento crítico e compromiso social. A institución provincial colabora coa difusión deste foro que promove a Asociación Concepción Arenal e que abordará os desafíos da adolescencia ata este mércores 29 de outubro, no Salón de Actos da sede provincial.

Durante a súa intervención, José Tomé salientou que a adolescencia é “unha etapa decisiva da vida, na que se constrúen a identidade, os vínculos, as expectativas e o futuro”, e subliñou a necesidade de abordala “non só desde o prisma do conflito, senón desde a prevención, o acompañamento, a escoita e a orientación, xunto coa responsabilidade, os límites e a protección”.

Puxo en valor o mandatario provincial o carácter interdisciplinar destas xornadas, nas que conflúen profesionais da psicoloxía, o dereito, a educación, a sanidade, a xustiza e o traballo social, “porque só desde a comprensión profunda do ser humano é posible intervir con intelixencia, eficacia e humanidade”.
Tomé Roca reafirmou, ademais, o compromiso da Deputación coa cooperación institucional, coa prevención como política social transformadora e co coñecemento como motor do progreso real. “As sociedades non avanzan por inercia —sinalou—; avanzan cando reflexionan, deliberan e se atreven a mellorar as súas propias estruturas”.

“Traballar con adolescentes é crer no futuro”, e estas xornadas “expresan esa esperanza activa: a idea de que ninguén está perdido mentres exista unha oportunidade, unha guía e unha comunidade disposta a non renunciar”, rematou sinalando o Presidente.


Tralo acto inaugural, fíxose entrega das Medallas Concepción Arenal de Lugo a institucións, ONGs e profesionais polo seu labor no ámbito penitenciario, especialmente en proxectos de reinserción social e atención a persoas vulnerables. Así mesmo, rendeuse homenaxe a Paula Alvarellos, que foi Presidenta do colectivo antes de asumir a Alcaldía do Concello de Lugo e que faleceu o pasado mes de marzo. 


No acto, tamén estiveron presentes o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento da Deputación e Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez; e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, entre outras autoridades.