Deputación de Lugo

A Deputación celebra en Lugo o centenario do I Congreso de Economía de Galicia

Pilar García Porto
centenario
CONGRESO
economia
o vello cárcere
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou nesta xornada, que se celebrou no Vello Cárcere, e para a cal a institución provincial colaborou cunha achega económica de case 4.000€

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores nos actos do centenario do I Congreso de Economía de Galicia que se celebrou ao longo desta mañá no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo. A institución provincial colabora con este foro cunha achega económica de case 4.000€ e o obxectivo é conmemorar os cen anos do conclave -que tivo lugar no 1925 no Círculo das Artes de Lugo- e que tratou os principais retos de Galicia, así como o desenvolvemento do Estatuto de Autonomía. 


García Porto destacou que “cen anos despois, seguimos a compartir esa mesma aspiración, porque a economía non pode desvincularse da cultura, da lingua nin das persoas. O progreso só é real cando chega a todos os territorios, cando crea oportunidades e cando respecta a nosa identidade”. 
“A provincia de Lugo é un bo exemplo diso: un territorio que combina tradición e innovación, que aposta pola sustentabilidade, pola economía social, polo sector primario e polos novos proxectos empresariais que nacen con vocación de futuro” recalcou. 

Este Congreso incluíu cinco relatorios: O pensamento económico galego, pasado e presente, da man do presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez; Galeguismo empresarial e garantías xurídicas, pola presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro Vilas; A economía provincial: retos e perspectivas, do director xeral de Caixa Rural Galega, Xesús Méndez; A innovación e sostenibilidade como motor de futuro, da bióloga de Leite Sen Máis Ana Corredoira; e, por último, Impulso ao tecido industrial e cláusulas de responsabilidade lingüística a cargo dun representante de IGAPE. 


Neste evento, noque tivo lugar unha homenaxe ao empresario Álvaro Gil Varela, participaron tamén o Concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e a Presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, entre outras autoridades.