Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación achega 249.000€ a Pedrafita para mellorar a mobilidade, reforzar a imaxe de marca e aumentar a autonomía operativa deste concello

PEDRAFITA DO CEBREIRO
O Presidente, José Tomé Roca, e o Alcalde, José Luis Raposo Magdalena, veñen de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para acondicionar o firme nas rúas Observatorio e Vía Romana e no acceso ao Mercado Gandeiro

Este acordo servirá tamén para financiar o subministro de letras identificativas do municipio de Pedrafita do Cebreiro en aceiro nas dúas rotondas de acceso ao núcleo urbano e dunha máquina telescópica fundamental no mantemento e pequenas obras

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, veñen de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achegará 249.000€ a este concello da Montaña. Un acordo que virá a mellorar a mobilidade, reforzar a imaxe de marca e aumentar a autonomía operativa deste municipio.

Concretamente, os fondos da Deputación servirán para financiar sete actuacións, catro delas relacionadas coa mobilidade do municipio. En primeiro lugar, Pedrafita poderá rehabilitar o firme das rúas Observatorio e Valecín, Vía Romana e o acceso ao Mercado Gandeiro. Tamén acometer a mellora da accesibilidade e reparar os aparcadoiros da Travesía da Constitución e da Praza de España. Son estradas ou espazos locais que entroncan con dúas vías de comunicación vitais para o municipio, como son a N-VI e a LU-633, e que son moi importantes para o tecido económico e social deste concello.

As obras consistirán, en todos os casos, no fresado do firme actual, repavimentación con aglomerado en quente e sinalización mediante marcas reflexivas.

Con este acordo a institución provincial financiará ademais o subministro e instalación de letras de aceiro identificativas do municipio de Pedrafita do Cebreiro, que colocará nas dúas rotondas de acceso ao núcleo urbano. Unha medida que contribuirá á promoción turística, ao reforzo da marca local e á rehabilitación de dous espazos públicos importantes para este municipio porque son a súa porta de entrada e que terán un impacto positivo na economía do concello.

Finalmente, o convenio de colaboración entre a Deputación e Pedrafita do Cebreiro permitirá dotar á entidade local dunha máquina telescópica, un vehículo moi versátil que pode resultar extremadamente útil para este Concello, especialmente en tarefas que teñen que ver co mantemento, pequenas obras e servizos municipais, mellorando a súa autonomía operativa, reducindo costes e actuando con maior rapidez e seguridade nas cuestións que teñen que ver co mantemento dos espazos públicos.